xoves 24/09/20
Caderno de Verán

Tiruleque, un novo disco en camiño

O confinamento resultou, dalgunha forma, inspirador para a banda Tiruleque. O seu compositor adaptou a letra dun tema a todo o sucedido co coronavirus e subiron o videoclip a Youtube
Imaxe promocional da banda Tiruleque (Foto: Nós Diario)
Imaxe promocional da banda Tiruleque (Foto: Nós Diario)

En certo modo, sen restarlle un chisco de gravidade á situación, a corentena serviu para que o compositor da banda de música tradicional Tiruleque, Álex Fente acabara de expremer toda a súa creatividade para o novo disco.  Após que chegara 'Outro que tal baila' en 2018, a representante do grupo confirma que as novidades chegarán pronto. 

Os meses de parón musical serviron para escribir, buscar letras e músicas que deleiten as e os seguidores, e agora "están a preparar o disco". Algunha composición sempre queda por facer porque non se sabe onde andan as musas metidas, pero o importante é que o groso do traballo está feito. Desde o grupo falan de "temas nos que haberá fusión doutras músicas coa tradicional". 

Nestas últimas semanas a maior dedicación é a xira, que se retomou con certos recortes pola falta de grandes eventos festivos na Galiza. A data máis próxima para ver a Antón Bueno, José A. Vázquez, Álex Fente Serxo Núñez, Fer Román, Miguel Horjales e Luis García en directo é este 17 de agosto dentro da programación estival da cidade de Pontevedra. 

"A xente maiormente vai poder escoitar temas do último disco e recuperarán algúns doutros discos", destacan. Esa música volverá ás salas de concertos a partir de outubro, aínda que non se descartan novidades porque nestes tempos hai moitas confirmacións a contrarreloxo. 

Lamentabelmente tamén se dan as cancelacións. Tiruleque deixou no camiño deste 2020 tan estrano recitais na Carballeira de Zas, na festa do pemento de Arnoia... O festival intercéltico de Moaña quedou aprazado... e esta banda é das que traballan "moito no verán". 

Quizais estalles a pesar que son unha formación de sete membros e xase sabe que "implica máis en temas de seguridade e loxística". Pero o ánimo e a creatividade nos compoñentes é tal que en abril, cada un desde a súa casa, saiu en Youtube unha versión moi especial do seu tema 'Sansa'

"Vai lava-las mans por diante e detrás e queda na casa para non contaxiar", cantaron, recordando sempre que "xabrón, xabrón contra a infección". 

comentarios