Ritmo amazónico: as novidades do universo musical do Brasil que a Galiza (des)coñece

Brasil, a ex-colonia portuguesa que no seu día fora imperio, é un país cunha amplitude e diversidade musical imposíbel de dominar. A influencia da percusión e as melodías africanas, xunto coa constante presenza europea no Brasil, fixeron da música brasileira un ecosistema enteiro. Igual que na selva do Amazonas, son tantas as especies musicais, tantas as cores e tan frondoso o mato que se torna imposíbel escoitar todo o que o Brasil ofrece para os nosos oídos.
A cantante de Soul e MPB Luedji Lune, en concerto. (Foto: Tamás Bodolay - Área de serviço)
A cantante de Soul e MPB Luedji Lune, en concerto. (Foto: Tamás Bodolay - Área de serviço)

"Moça do corpo dourado do sol de Ipanema / o seu balançado é mais que um poema / é a coisa mais linda que eu já vi passar", recitaba Antônio Carlos Jobim, Tom Jobim no mundo da bossa nova, na súa "Garota de Ipanema", posibelmente a canción brasileira máis oída en todo o mundo. Serían o propio Jobim, xunto con Vinícius de Moraes, 'O Poeta', quen destaparían o velo da saudade brasileira. A canción "Chega de saudade" considérase o tema chave á hora de determinar o inicio da bossa nova, aquela música que hoxe escoitamos nos ascensores ou nos clubs de jazz. Este xénero íntimo é fillo lexítimo do samba, tan recoñecido como o seu fillo, que se orixina no antigo imperio brasileiro.

Ao longo do século XIX a cidade do Rio de Janeiro recibiu unha influencia moi forte da cultura africana, pois a mediados dos mil oitocentos a metade da poboación estaba composta de negros escravos. Até se crearon novas relixións, moitas delas politeístas, e pódese ver reflectivo en moitas das letras do samba e da bossa nova, mesmo en temas como o "Canto de Osanha", composta tamén por Vinícius de Moraes, mais coa música de Baden Powell de Aquino, considerado un dos mellores músicos brasileiros da súa época. Osanha, ou Osanhe, é unha deidade propia da relixión Yoruba, orixinaria da África Occidental, mais que chegou até o Brasil e mesmo Cuba ou Porto Rico.

 Dentro do samba e da bossa nova hai miles de artistas e bandas, mais algunha xente deixou unha pegada que até o día de hoxe fai notar a súa influencia na música máis actual. Entre eles están Stan Getz, João Gilberto, Toquinho, Elis Regina, Astrud Gilberto, Dorival Caymmi, Marcos Valle, Adoniran Barbosa, Clara Nunes, Martinho da Vila, Nelson Cavaquinho… Até Frank Sinatra chegou a facer un álbum com Tom Jobim cando empezaron a chegar aos Estados Unidos os sons que se englobarían posteriormente como "música popular brasileira" ou "MPB".

[Poderás ler a reportaxe íntegra no Sermos Galiza que acompaña o Nós Diario deste sábado, 6 de setembro. Resérvao no teu quiosque ou subscríbete ao xornal!]

Comentarios