Novas pezas para o Museo Pazo de Tor

Destaca unha estatua xacente do século XV.
A Rede Museística provincial recepcionou mobiliario, documentación e outros artigos cedidos polo neto de Paz Taboada de Zúñiga
photo_camera A Rede Museística provincial recepcionou mobiliario, documentación e outros artigos cedidos polo neto de Paz Taboada de Zúñiga

A Rede Museística de Lugo recibiu esta semana unha doazón para o Museo Pazo de Tor de Javier Rey Docampo, neto de Paz Taboada de Zúñiga,  tía de María Paz Taboada,  última residente e propietaria do pazo, ubicado en Monforte de Lemos.  

As pezas doadas pertenceron á liñaxe Garza e nalgún momento estiveron no Pazo de Tor ou en casas que pertencían aos seus descendentes, polo que completan a ampla colección de obxectos que pertenceron á familia ao longo dos séculos. 

A deputada de Cultura, Iria Castro, agradeceu a xenerosidade de Javier Rey Docampo e valorou que  "o legado iniciado por María Paz Taboada, ao doar o Pazo de Tor para que se convertese en Museo e preservar a historia da liñaxe da súa familia, ten agora continuación con este acto". 

Entre os bens doados, destacan unha estatua dun xacente funerario de comezos do século XV, que resulta unha figura imprescindíbel para rastrexar e pórlle cara visíbel aos inicios da liñaxe dos Garza. Ademais hai constancia de que esta peza estivo moitos anos no Pazo de Tor. 

Outras pezas especiais que completan a historia da familia e da que tamén había constancia documental, é a cama de campaña que empregou don Francisco Quiroga Taboada no século XVII ou o dormitorio completo de dona Paz Taboada de Zúñiga. Completan a doazón un lavabo, un braseiro, farois de coches de cabalos, un retrato, pezas de Gundivós, fotografías, libros, árbores xenealóxicase e documentación sobre o Pazo, entre outras. 

Nas vindeiras semanas, os bens doados serán tratados e restaurados para incorporarse as distintas estancias do Pazo de Tor.

Comentarios