O Pazo de Tor, en Monforte, torna en residencia e lugar de creación artística

Proxecto '[Da] TerraSemente, [Dá] SementeTerra'.
O proxecto [Da] Terra Semente, [Dá] Semente Terra presenta mañá os seus resultados. (Foto: Deputación de Lugo)
photo_camera O proxecto [Da] Terra Semente, [Dá] Semente Terra presenta mañá os seus resultados. (Foto: Deputación de Lugo)

O Pazo de Tor, en Monforte de Lemos, acolle desde o pasado día 3 de agosto as residencias artísticas [Da] TerraSemente, [Dá] SementeTerra, das que participan as creadoras contemporáneas Carla Andrade, Eva Antelo, María Roja e Tamara Wassaf. Tomando como referencia o propio museo, "entendido como espazo de memoria e punto de encontro da comunidade", as catro artistas traballan nestes días en diferentes proxectos que concretarán nunha mostra colectiva.

A través das residencias, comisariadas e coordinadas pola directora da Rede Museística -da Deputación de Lugo-, Encarna Lago, e Vaciocero Servizos Culturais, "creouse un espazo de conversa, creación e recuperación" que implicou as propias artistas "mais tamén colectivos e persoas que forman parte da comunidade e que está a xerar olladas diversas sobre temáticas como a migración, a diversidade cultural, as clases sociais, o despoboamento, a igualdade e a problemática rural, entre outras", explican.

Para culminar e fechar este período de convivencia e cocreación, no que houbo tempo tamén para unha xornada de portas abertas, o proxecto culminará mañá cunha mostra colectiva que se inaugurará ás 12 horas.

Con respecto a cada unha das artistas, Carla Andrade está a desenvolver Apuntes para un proxecto do latido do unánime e cego, un primeiro achegamento e recollida de ideas para un proxecto cinematográfico que levará a cabo ao longo do vindeiro ano.

Con respecto a Eva Antelo, con Irá a ti a montaña, recolle a xeografía falada da parroquia de Tor e arredores, compilando historias contadas polas habitantes sobre distintos lugares e puntos da contorna, conformando un proxecto experimental a través de distintas voces e subxectividades sobre o mapa, a memoria, a paisaxe e a oralidade.

María Roja, pola súa parte, afonda en Cada cana catro niños na problemática do despoboamento do rural galego. A artista desenvolve este traballo na súa aldea materna, Eixibrón (Becerreá), na que, de 20 vivendas, só cinco permanecen habitadas, sendo, probabelmente, as súas actuais residentes tamén as derradeiras.

Por último, a obra de Tamara Wassaf explora a noción de retrato expandido, afondando máis nun tema e chegando á desaparición do corpo, un corpo sen carne, un pregamento no espazo, mesturando as historias de misterio e as lendas populares coa paisaxe, a vexetación e os usos das herbas.

Comentarios