LIXO URBANO

“Non nos dá a gaña de sacarnos do ‘underground’”

Lixo Urbano está de (20) aniversario. Falamos con Alberte, unha das seis persoas que participou na posta en marcha deste selo compostelá aló polo 1994 e que a día de hoxe segue a bordo do proxecto coa mesma paixón.

Este sábado O Pichel acolle os actos do XX aniversario de Lixo Urbano, a distribuidora e selo compostelá que após dúas décadas mantén intactas a paixón polo DIY hardcoreta (Faino Ti Mesmo) e a ilusión polos sons directos, as actitudes sen dobleces e a pulsión ‘ti a ti’ coa xente. Vinte anos de ‘underground’ picheleiro que convidan a botar unha mirada atrás e saudar a presentes e ausentes. Falamos con Alberte, unha das seis persoas que un bo día de 1994 montaron esta distribuidora e un dos nomes imprescindíbeis (Dirty Barriguitas, Por Teléfono, Samesugas, Os Novos...) para saber que cousa é esa da escena musical compostelá. Por certo, e antes de comezar, Alberte ten clara unha cousa: Non val iso de que calquera tempo pasado é mellor: “Os cinco grupos que temos agora en Lixo Urbano son a hostia. Estamos moi ilusionados”.

Como se resisten 20 anos mergullados no ‘underground’ e por riba en Compostela?

Pois non é difícil. É doado estar vinte anos no ‘underground’ porque é difícil saír. Non temos moita vontade nin gañas de saír do ‘underground’, a verdade. É algo que forma parte do propio selo, de Lixo Urbano. Facemos isto por paixón e porque nos gusta. E vinte anos dan para moito, tivemos unha época de moito traballo e intensidade, aí a finais dos 90 cando tiñamos o local na Rúa das Rodas; e tamén houbo etapas de máis ‘parón’. E agora estamos ben. Creo que Lixo Urbano non estivo nunca con tantos grupos en activo como agora. Antes era outra cousa, moitos gravaban o traballo, algúns concertos e nun par de anos separábanse...

Como eran aqueles mediados dos 90, cando naceu LU, en Santiago DC?

Bon, eramos mozos e entón lembramos iso con nostalxia e ilusión, claro. Nós tiñamos como referencia a Treboada, que editaban a Fame Neghra e Dirty Barriguitas. Cando puxemos en marcha Lixo Urbano viamos que estabamos a facer algo novo e fomos aprendendo aos poucos. E pouco a pouco fomos avanzando. Daquela os pedidos e os envíos aínda eran por correo. E funcionaba moito o das trocas, que facíamos con selos e distribuidoras do Estado español e Portugal. Distribuíamos grupos de Dischord, de Epitaph, de Esan Ozenki... Todo ese traballo era algo voluntario, no tempo que tiñamos libre, intentando non acabar queimados...

Cal foi o detonante para poñer en marcha Lixo Urbano?

O nome tomámolo dun fanzine que había en Compostela e do que só saíu un número. E si que naceu un pouco a partir de Dirty Barriguitas. Da súa primeira maqueta editáronse mil copias e esgotáronse moi rápido, polo que decidimos reeditala nós, con xente do fanzine e tamén Mario (do mítico pub A Calexa, na Algalia de Abaixo compostelá), que andaba metido en movidas ‘underground’. Eramos seis persoas as que puxemos en marcha Lixo Urbano, en 1994. De aí a 1997 editamos maquetas: MOL, Fulsomes, Mala Oxtia, Eutanásia Activa, Keostiaspasa. En 1998 sacamos os primeiros discos, que foron o de Fame Neghra (O Neno carburador) e Fulsomes (Media Circus).

Ao longo destas dúas décadas Lixo Urbano foi quen de ir construíndose un catálogo con referencias para quitar o hipo...

Para este XX aniversario editamos un disco recopilatorio cos grupos que actúan na festa. E vai ser o nº 28 do catálogo, se ben andaremos polos 30 traballos editados. O primeiro fora o de Dirty Barriguitas, aló polo 1994. A partir de aí fomos facendo, dentro dunhas coordenadas de punk e rock´n´roll mais moi abertas e sempre un pouco ao gosto dos que estabamos implicados en Lixo Urbano. Por iso temos un catálogo que creo que é moi ecléctico. Desde Eutanàsia Activa, que deberon ser os primeiros en facer Hardcore en reintegrado até The Homens, de Fulsomes a Curtinaitis, de Samesugas a Novedades Carminha...

Tamén argallades concertos, non vos limitades a editar discos...

Sobre todo de grupos propios, claro. Mais de vez en cando animámonos e traemos conxuntos de fóra, coma The Meteors, Malarians... tamén nos temos animado a fletar auto-carros para ir a concertos, como o de despedida dos Negu Gorriak en Anoeta do 2001...

Que vai atopar a xente que se achega ate o XX Aniversario deste sábado?

Gostaríanos que moito máis que un simple concerto. Vai haber unha exposición de portadas de discos, e a partir das 13:00 un set no que Os Novos e Curtinaitis farán un repertorio acústico. Xa pola noite será o concerto, no que estarán as cinco bandas en activo do selo: Familia Caamagno, Samesugas, Curtinaitis, The Brosas e Os Novos. Cada grupo tocará versións doutros conxuntos de Lixo Urbano, alomenos esa é a idea, a ver como sae (rí). E Mikel Eskizofrenia e Edu O Rápido farán unha pinchada con vinilos. Como xa dixen antes editaremos un disco recopilatorio.

Algún proxecto ou iniciativa que ficou polo camiño, algo do que lamentedes non ter feito nestes anos...

O certo é que nos ilusiona con todo o que estamos sacando, gústamos contribuír a estes grupos...Que eu lembre non temos así ningunha espiña cravada de cousas que quixeramos facer e non poidemos... Quizás unha tenda on-line, un proxecto que sempre tivemos e que non demos realizado A ver se algún día. Nas edicións seguimos a liña de sempre, sacar aos grupos que nos gustan e interesan.

Non hai en Galiza moitos selos e distris alternativas que teñan dúas décadas de historia. Van outros 20, logo?

Pois non hai moitas non, Creo que na Coruña había unha, que distribuía e editaba vinilos e que mesmo tiña unha tenda. Pero creo que leva un tempo parada. Proxectos de futuro? Pois imos seguir como até agora, facendo o que nos apetece e con música que nos gusta. 

Fotos:

Portada: Alberte 'LIxo'

Interior: Dirty Barriguitas, Fame Neghra, The Homens e Curtinaitis. 

Apoia Nós Diario

Se estás lendo de balde este xornal é grazas ás máis de 3.000 persoas subscritoras. A información independente ten un prezo. Apoia un xornalismo galego e sustentábel subscribíndote a Nós Diario ou facéndote mecenas.