Contracultura

De ninghures: "Procuramos fusionar a música tradicional galega con ritmos como os de Latinoamérica"

Adrián Méndez, Tomé Mouriño e Manuel ‘Cataqui’ son tres dos oito integrantes de De ninghures, unha agrupación musical folk que presenta o seu primeiro disco, 'Aquí'. Méndez, Mouriño e ‘Cataqui’ falan da súa música inspirada en diferentes culturas e que mestura diversos instrumentos, desde a pandeireta até o ukelele, pasando polos bongos ou a caipira, xa que, como eles din, “viamos necesario poder aportar a nosa forma de entender a música”.
‘Cataqui’ e Adrián Méndez (ao fondo á esquerda) e Tomé Mouriño (adiante no centro) conversan con 'Nós Diario' . (Foto: Manu Lucas Marinho)
photo_camera ‘Cataqui’ e Adrián Méndez (ao fondo á esquerda) e Tomé Mouriño (adiante no centro) conversan con 'Nós Diario' . (Foto: Manu Lucas Marinho)

—De ninghures xa ten un percorrido de cinco anos, por que sacar disco agora?
Tomé Mouriño: Creo que era unha inquedanza que tiñamos todos desde que comezamos a facer os nosos temas propios. Viamos necesario facer un disco e xa non só polo que tiñamos feito como grupo, senón pola nosa propia música, a da Galiza. Viamos necesario poder achegar a nosa forma de entender a música. Comezamos a compoñer hai un ano, antes tiñamos xa algunhas pezas, mais non tiñan o enfoque que queríamos darlle ao disco, así que diría que todo o traballo que fixemos estivo concentrado nos últimos doce meses. 

—Aquí nace grazas ao micromecenado a través da plataforma Verkami.
Adrián Méndez: Tivemos que pedir axuda para lanzar o disco que tiñamos entre mans porque non tiñamos moitos fondos. Vendo outros grupos de folk, e inclusive os máis mainstream, démonos de conta de que había moita xente que optaba por esta vía. Ía dicir que o sacamos con facilidade, porque é certo que chegamos á meta que nos propuxemos, pero penso que non é a palabra correcta nin moito menos. Houbo moita xente que nos axudou e estamos súper agradecidas pola acollida. Tamén conseguimos un pouco máis do que pedíamos e iso axudounos non só a facer o disco, senón tamén a maquetalo, facer o deseño e outros produtos de merchandising e recompensas como camisetas. Só podemos dar as grazas. 

Ronsel, o último sinxelo publicado, bebe do tango arxentino. De onde nace a inspiración do disco?
Manuel ‘Cataqui’: Procuramos fusionar a música tradicional galega con outros ritmos, especialmente os que veñen de Latinoamérica. En concreto, Ronsel é unha canción que xa veu da Arxentina, era un tango propio da illa de Ons que arranxou Tomé e que lle deu un aire máis noso. Con todo, non temos unha música predilecta, senón que buscamos mesturar a música galega con calquera outro tipo de son.

T.M.: Diría que do que máis bebemos é da percusión latinoamericana, que é moi característica.

M.C.: Xustamente. Levamos publicados os tres primeiros singles de Aquí: Mallao, Ronsel e Puñal. Como xa dixemos, Ronsel é claramente un tango, mais Puñal por exemplo bebe da chacarera mentres que Mallao está inspirado no merengue. E no disco hai diferentes ritmos e de distintas procedencias, por exemplo, muiñeiras e xotas e inclusive mesturamos a música galega co flamenco ou as procedentes do Magreb e do norte de África. Penso que podemos dicir que somos bastante eclécticos no que respecta á nosa música, intentamos facer bastante fusión.

—Esta fusión tamén tivo lugar o día da presentación do disco, xuntando De ninghures con Oîma.
A.M.: Queriamos atopar unha data que non coincidise con grandes eventos. A nosa primeira idea era presentalo a finais de setembro, mais en Compostela hai moito ambiente cultural e era complicado atopar un oco xusto neses días. Decidimos buscar outra data perto da orixinal e sinalamos o 2 de outubro, mais vimos que Oîma daba a súa despedida. Como son amigas, eu falei con Antía Ameixeiras para ver se había algunha posibilidade de facelo en conxunto. Tanto elas coma Luneda, que é a súa produtora, puxeron moitas facilidades e para nós é unha marabilla porque non hai nada máis bonito que que dean a despedida e que deixen a semente para dar nós a benvida.

T.M.: Nun primeiro momento barallamos a idea, mais cando vimos que non era simplemente facer dous concertos xuntos, senón que tiña un significado máis simbólico, que ía máis alá, tanto a elas como a nós motivounos aínda máis a facelo. Ao ser o noso primeiro disco, aínda que xa teñamos un percorrido na música, é especial facelo así.

Comentarios