Así é 'Mythos', o espectáculo de Abraham Cupeiro coa Orquestra Gaos

O espectáculo que recupera instrumentos gregos, romanos e célticos e que foi gravado nos estudios Abbey Road de Londres, visitará Ferrol, Ourense, Compostela e Lugo.
Cupeiro e a Orquestra Gaos na presentación de 'Mythos'.
photo_camera Cupeiro e a Orquestra Gaos na presentación de 'Mythos'.

O espectáculo musical Mythos: unha viaxe musical no tempo, de Abraham Cupeiro, que recupera instrumentos gregos, romanos e célticos e que foi gravado nos estudios Abbey Road de Londres, visitará Ferrol, Ourense, Compostela e Lugo acompañado pola Orquestra Gaos. A primeira data será o 1 de febreiro no Auditorio de Ferrol. O 1 de marzo a actuación será no Auditorio Municipal de Ourense; ao día seguinte no Auditorio da Galiza, en Santiago de Compostela; e o día 22, no Auditorio Gustavo Freire de Lugo. 

"É un auténtico gusto poder presentar este proxecto na miña terra. Ademais, o disco vai saír en moi pouco tempo", expresou Cupeiro, natural de Sarria, esta terza feira, nunha pequena mostra de 15 minutos no Museo Centro Gaiás do que será un espectáculo de hora e media de duración que xa presentou a principios de 2023 en Estremadura. 

Música orixinal

Mythos, con música orixinal composta por Cupeiro, foi recentemente gravado en Abbey Road, xunto á Royal Philharmonic de Londres. Con todo, o compositor quixo equiparar a orquestra inglesa coa Orquestra Gaos, que fai quince anos e que é, para Cupeiro, igual de "versátil" e "agradábel" que a Royal Philharmonic. 

Os instrumentos que utiliza Cupeiro foron construídos por el mesmo e por María Ruiz en "tempo récord". Trátase de reconstrucións fidedignas de instrumentos da Antigüidade, como o Cornu copia dun corno romano sepultado nas cinzas da cidade de Pompeia. 

"Son instrumentos que non xeran tensións. Son moi imperfectos, pero fannos atoparnos connosco mesmos", explicou Cupeiro relacionando as imperfeccións dos instrumentos coas dos seres humanos. 

O director da Orquestra Gaos, Fernando Briones, mostrou a súa emoción por esta "música excitante" e por traballar con Cupeiro, co que xa fixeron o proxecto Pangea e co que farán está xira de catro datas.

Comentarios