Entrega dos premios Martín Códax

Músicos ao Vivo: “A música é un lugar onde nos atopamos todas”

A quinta edición dos premios Martín Códax da música, organizada pola asociación Músicos ao Vivo, entregou onte as súas 18 distincións. Fíxoo nunha gala no Pazo da Cultura de Pontevedra en que a nova voceira da organización, a cantante Sonia Lebedinsky, reivindicou a música como lugar de encontro, traballo, ilusió e militancia.
 

foto final premios MC 2018
photo_camera Os gañadores da quinta edición dos premios Martín Códax da música.

“Porque non se coñece o que non se ve nin se escoita, porque non estamos todas as que somos, porque a música é un lugar onde nos atopamos todas”, dixo no discurso en que tomou o relevo de Ramón Bermejo, “porque outro mundo é posíbel se creamos novos mundos arredor de nós, porque somos as unhas das outras e precisámonos”.

A noite, conducida polo monologuista Carlos Blanco e o debuxante Luís Davila, estivo marcada polas críticas profesionais á nova Lei de Espectáculos. Bermejo, voceiro saínte de Músicos ao vivo, expúxoo con clareza: “Non se pode vivir permanentemente ao pairo dunha lei redactada de forma ambigua, e que deixa a música ao vivo, unha vez máis, nun terreo esvaradío e inseguro”.

Ademais, Ramón Bemejo, que fixo unha chamada á unidade para pelexar polos dereitos das músicas e os músicos, amosou o apoio da asociación “a todas as persoas que sofren cadea por ter exercido un dereito tan fundamental e irrenunciábel como é a liberdade de expresión”.

Premiados

Os premios Martín Códax foron neste quinto ano para Eladio y los Seres Queridos na categoría de pop e indie; IgMig en rock; Yago Vázquez Trío en jazz e músicas improvisadas; Roberto Oliveira en música clásica e contemporánea; Som do Galpóm en hip hop e músicas urbanas; Xosé Lois Romero & Aliboria en tradicional e folk; Brais Morán en músicas do mundo; A Gramola Gominola en música infantil; Mounqup en electrónica; Arrhythmia en metal; Chotokoeu en reggae, ska e mestizaxe; Grupo Limón e, orquestras e música de verbena; The Lákazans en blues, funk e soul; Uxía en canción de autor e Encaixe en música vocal.

Tamén houbo galardóns ao mellor festival para o Resurrection Fest de Viveiro, á mellor sala para o Garufa da Coruña e ao mellor espazo de comunicación musical para o portal web Ábrete de Orellas.

Comentarios