Martín Códax volve premiar a música galega

A gala de entrega de premios será o sábado 9 de maio, cando o xurado fará públicas as súas escollas de entre as 54 nominacións

codax
photo_camera Un momento da gala

Artistas emerxentes e consagrados ocupan as 54 nominacións aos V Premios Martín Códax da Música. O anuncio foi feito público na Festa de Nomeados, celebrada na noite desta cuarta feira nas Bodegas Martín Códax, en Cambados. A partir de agora, un xurado secreto integrado por músicos e profesionais do sector será o encargado de escoller os proxectos galardoados nas 18 categorías que optan a recoller un premio na gala do 9 de maio.

A Asociación de Músicos ao Vivo, entidade organizadora canda a propia bodega, partillou a listaxe de nominacións a través das súas voceiras, Sonia Lebedynski e Ramón Bermejo. No acto, amenizado por O Modulador de Ondas, estiveron tamén presentes o director da AGADIC, Jacobo Sutil; a concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Carme Fouces; a alcaldesa de Cambados, Fátima Abal; o concelleiro de Enoturismo, José Ramón Aba, e de Cultura, Víctor Manuel Caamaño; canda o director das Bodegas Martín Códax, Xoán Allegue.

Allegue aproveitou a apertura do acto para pór en relevo a importancia destes premios, que “son referencia do sector musical en Galiza e que amosan o potencial existente, con perto de 450 inscritos nas 15 categorías e os tres premios Organistrum”. Alén disto, tamén destacou a “oportunidade” que estes premios supoñen para o sector, que ve visibilizado e recoñecido o seu traballo”. 

Os proxectos finalistas foron escollidos polas socias e socios de Músicos ao Vivo mediante votación online entre un total de 449 proxectos inscritos: 397 grupos, 14 salas, 22 festivais e 16 espazos de comunicación musical. De entre todos os nominados destacan músicos de proxección estatal e internacional como Xacobe Martínez, Uxía, Caxade, Músculo!, DeVacas ou Nastasia Zürcher. Porén, de entre as dezaoito categorías -que inclúen grupos de pop e indie até espazos de comunicación musical e salas, pasando por artistas de música electrónica, música infantil, metal ou folk– tamén hai novidades no panorama musical como o proxecto Músicas Galegas Ilustradas.

Os gañadores coñeceranse o 9 de maio no transcurso da Gala de Entrega de Premios dos V Premios Martín Códax da Música. que terá lugar un ano máis no Pazo da Cultura de Pontevedra. Durante o acto, os premiados recibirán cadanseu “melómanx”, as estatuíñas rematadas no obradoiro do escultor e músico, Víctor Lorenzo. Por último, o evento tamén servirá para facer entrega do Premio Honorífico Músicos Ao Vivo, que este ano será dobre. As persoas que queiran seguir a gala poderán facelo en streaming a través da páxina de Facebook dos premios.

Comentarios