Música e poesía para lembrar a Fran Cortegoso

Chega unha nova homenaxe ao poeta que se foi prematuramente o pasado outubro. Desta volta na súa cidade natal e organizada por amigos e achegados. 

Fran Cortegoso
photo_camera Fran Cortegoso

O 27 de maio o Teatro Principal de Pontevedra acollerá "Por un amor común. Homenaxe a Francisco Cortegoso", que se suma a outras xa realizadas na Coruña, Vigo e Compostela. E nel haberá lugar para un recital con escritoras como Oriana Méndez, Anxos Sumai, Genaro da Silva, Claudio Pato, Adrià Targal ou Isaac Xubín. Presentado por Silvia Penas, os textos de homenaxe correrán a cargo de Chus Pato e Xabier Cordal; a videopoesía de Alba Cid, Jesús Castro e Gonzalo Vázquez; as palabras de amizade de Alicia Fernández e Gonzalo Hermo; e a video-homenaxe de Xes Chapela. A música será cousa de Atrás Tigre, grupo de 'indie' do que forman parte dúas coñecidas poetas, Xiana Arias e Olalla Cociña.

"A obra de Cortegoso supón un dos máis ambiciosos e orixinais exercicios de escrita poética da literatura galega última. Unha escritura que dá en explorar as estremas do lírico para concibir o poema como materia que acontece"

Francisco Cortegoso (Pontevedra, 1985 -2016) é autor de ‘Memorial e danza’ (Espiral Maior, 2014), co que gañou o Premio Nacional de Poesía Pérez Parallé, e ‘Suicidas’ (Chan da Pólvora, 2016). Segundo a organización, da que forman parte o Concello de Pontevedra, o Ateneo, a Libraría Paz e Chan da Pólvora, "a obra de Cortegoso supón un dos máis ambiciosos e orixinais exercicios de escrita poética da literatura galega última. Unha escritura que dá en explorar as estremas do lírico para concibir o poema como materia que acontece".

O título da homenaxe "Un amor común" vén dunha entrevista na Radio Galega onde Cortegoso dixo que un dos seus obxectivos como escritor era superar o amor romántico en favor dun amor común. "Ese amor comunitario", din desde a organización, "vivo na memoria dos seus amigos, que mediante este acto daremos en homenaxear a súa poesía e a súa vida, é a herdanza que Fran nos deixa".

Comentarios