Máis

Música na Noite pisa forte en Teo

O festival Música na Noite, organizado pola Asociación Lúa Chea, volve o 8 de xullo ao campo de San Domingos, en Calo, Teo. A música folk e rock galega encherá de novo este mítico escenario coas actuacións de Paco Nogueiras, A Banda da Loba, Os John Deeres, Boyanka Kostova e Fillas de Cassandra.
A Banda da Loba (Foto: Nós Diario).
photo_camera A Banda da Loba. (Foto: Nós Diario)

E ste sábado 8 de xullo a música galega será a protagonista da festa no escenario do campo de San Domingos, na parroquia de Calo, en Teo (comarca de Compostela). Volve Música na Noite, o histórico festival que desde 1987 organiza a Asociación Lúa Chea.

Esta edición contará coas actuacións de Paco Nogueiras ás 20 horas e da Banda da Loba, Os John Deeres, Boyanka Kostova e As Fillas de Cassandra a partir das 22 horas. O evento, como outros anos, estará acompañado pola oferta gastronómica con produtos do país, a posibilidade de xantar vegano e os tan prezados bolos preñados.   

Desde a Asociación Lúa Chea, un dos membros da organización do festival, Xoán Carlos Porto, lembra en conversa con Nós Diario a importancia deste último apartado, que serve “como base económica para o financiamento das propias actuacións”. A entidade, con máis de setenta integrantes, prepara “con moito cariño” cada ano esta cita musical e festiva tratando de contar coas mellores formacións do panorama musical galego.

“Seguimos a ter a entrada de balde, nunca quixemos deixar esta característica tan nosa, aínda que cada ano temos que negociar moito para traer o mellor”. O proceso para escoller “o cartel” recoñece que está "totalmente democratizado" e comeza cunhas propostas previas por parte das socias e dos socios, que rematan nunha valoración final.

Festival con historia

O festival Música na Noite naceu no ano 1987 por iniciativa dun grupo de mozas e mozos de Solláns, na parroquia de Calo, agrupados dentro da Asociación Lúa Chea. Os seus obxectivos e as súas aspiracións resumíanse na intención de montar unha gran festa que servise para pór en valor a música de raíz galega e compartila con outras músicas europeas. 

Grazas ao enorme esforzo feito polos seus promotores, á implicación dos grupos folk galegos do momento e ao apoio prestado por empresarias e empresarios da zona e de Compostela, o festival de Calo converteuse en todo un referente musical da comarca ao que acudía público de toda a contorna e os grupos musicais e solistas de maior relevancia do momento, tanto no panorama galego (desde Dhais, Suso Vaamonde, Taranis, Milladoiro, A Quenlla, Luar na Lubre, Matto Congrio ou Leilía) como no internacional (con actuacións do vasco Kepa Junkera, de Oskorri ou Ker-Kuez). 

En 1996, a cita musical tivo que deixar de realizarse, segundo a organización, polos cambios operados no panorama musical galego, xunto coa progresiva profesionalización dos grupos. Ambas as dúas circunstancias deixaron fóra de xogo o festival de Calo.

Os seus promotores, ao non contar con apoio institucional, non se viron con forzas para afrontar os gastos económicos que aumentaban cada ano. Fechaba esa primeira etapa un mítico concerto no que actuaron, entre outros, Os Diplomáticos de Monte Alto, Na Lúa e Enriquito Núñez, un dos membros da Nova Trova Cubana.

O renacer do festival

A iniciativa rexurdiu con novos folgos e novas ideas en 2008. Eran outros tempos e a proposta de festival que se elaborou presentou algunhas importantes diferenzas coa concepción que se tiña na primeira época, mais a esencia seguiu a ser a mesma: montar un festa da que poida participar toda a cidadanía e coa que se poida demostrar o valor da música galega actual e o bo facer da xente de Teo.

Os cambios principais entre a proposta que aínda continúa e a inicial son dúas: o festival durará un día e a música que nel se oirá non será só folk. Ademais, medrou o seu interese como entidade polo que acontecía no mundo. Así, na edición de 2016, colaboraron coa asociación Amigos da Galiza na recollida de alimentos e na seguinte prestaron atención ao problema das persoas refuxiadas. Nestes anos pasaron polo festival grupos como Zënzar, Nao ou Familia Caamagno. 

Do trap ao rock

O cartel deste ano terá un inicio dedicado ás nenas e aos nenos coa actuación de Paco Nogueiras, unha das sensacións da música infantil desde que en 2014 editou o seu traballo Brinca Vai! Despois do descanso -para coller forzas coa cea- comezarán de novo as actuacións. De inicio, no cartel figura A Banda da Loba, un grupo integrado por cinco mulleres que uniron as súas traxectorias individuais para crear un proxecto colectivo. Xiana Lastra, Andrea Porto, Marcela Porto, Inés Mirás e Estela Rodríguez mesturan pop, blues, folk, rock e sons tradicionais creando un estilo musical de seu, heteroxéneo e singular. 

O seu primeiro disco, Bailando as rúas (2017), naceu grazas á autoprodución e marcou unha carreira que continuou co recoñecemento ao ano seguinte do certame aRi[t]mar de música galega e portuguesa. Virían tamén os traballos Fábrica de luz (2019) e Hasme oir (2021) con temas que se poderán escoitar no escenario de San Domingos.

O segundo no cartel é o grupo estradense de rock Os John Deeres. Formado a partir do cuarteto da banda Diskordia con José Carbia, Xermán Bernárdez, Manuel Reices e Marcos Alexandre, a quen se uniu a actual vocalista, Vanessa García. Con sons de hard rock e dos anos setenta, ademais de temas propios e algunhas versións, seguro que darán a coñecer en Teo algunhas cancións do que será o seu vindeiro traballo.

Outro dos grupos desta edición é Boyanka Kostova. Creado en 2016, este dúo compostelán de música trap formado por Cibrán García e Chicho do Funk (Ortiga) achegará os seus ritmos urbanos e de improvisación ao escenario de Calo. Veñen de sacar o disco Os meus peidos cheiran a pétalos perfumados (2023) que xa adiantaron a través das redes sociais con temas como "Ordoño", "A feira das mentiras" e "Magic English".

Por último, actuarán Fillas de Cassandra. O dúo formado por María SOA e Sara Faro leva desde o ano pasado dando guerra cunha música baseada na tradición musical e oral, o feminismo, os sons modernos e a mitoloxía. Con esta mestura levaron o Premio aRi[t]mar á Mellor Música do Ano na Galiza e contan co seu primeiro traballo discográfico titulado Acrópole (2023) que se poderá escoitar en Teo.

Comentarios