Milleiros gozaron en Teo co Festival Música na Noite

A organización, a asociación Lúa Chea, cifra en máis de 4.000 as persoas que asistiron aos concertos e actividades
Os Cempés na actuación. Foto: Lúa Chea
photo_camera Os Cempés na actuación. Foto: Lúa Chea

A 15ª edición do Festival Música na Noite rematou cun gran éxito de asistencia. Se na primeira xornada a estimación de público rondaba as 2.000 persoas, a noite do sábado non foi menos, cunha afluencia similar, aínda que con máis variedade de idades entre as persoas asistentes. A A.C. Lúa Chea rematou as existencias de comida e non deu abasto para atender a barra, que estivo toda a noite tan animada como concorrida.

A noite comezou coa actuación de Vai Rañala, que puxeron en movemento a todo o público. A esperada actuación de Os Cempés foi a seguinte. Nela puxeron a todo o mundo en pé coreando as súas cancións máis coñecidas, e tamén coa presentación dos novos temas. Para rematar, Taghaitaí levou a Calo un desembarco de cancións tradicionais pasadas pola peneira de ritmos modernos que fixeron bailar a todo o público. Non fixeron menos Os Devotos do Folclore, que nos cambios e a ras de chan levaron o repertorio máis tradicional facendo que se arrancaran á danza un montón de parellas.

A A.C. Lúa Chea fixo unha valoración moi positiva desta 15ª edición do festival, que se consolidou como unha cita ineludíbel despois da súa recuperación fai cinco anos. Veciñanza do lugar, xente de toda a comarca, pequenos, mozos e vellos, inzaron o aparcamento, as barras e a pista de baile nas dúas xornadas do Música na Noite, que se estenderon ata moi entrada a madrugada.

Máis en Ao vivo
Comentarios