VENRES 6 E SÁBADO 7 DE XULLO

Os Cempés e o Sonoro Maxín soarán na XV edición do Música na Noite

Ademais, Homen Banda, Taghaitaí!, Vai Rañala Meu!, e Devotos do Folclore encherán Calo, no concello de Teo, de sons tradicionais, e na noite dedicada ao rock, estarán tamén Compañía do Ruído, Los Mighty Calacas, Desequilibrio Mental e O Leo i Arremecaghona!!!

Marcos Paino, Antón Ramos e Ana Fernández na presentación do XV Música na Noite
photo_camera Marcos Paino, Antón Ramos e Ana Fernández na presentación do XV Música na Noite

Presentaron o festival na compostelá Libraría Pedreira Antón Ramos e Ana Fernández, da asociación cultural Lúa Chea, e Marcos Paino, director de produción do Festival. De balde, con acampada libre e festa a rachar, o XV Música na Noite terá lugar a fin de semana do venres 6 de xullo e o sábado 7 na parroquia de Calo, concello de Teo. 

O venres serán os concertos do grupo ourensán O sonoro maxín, que naceu no 2007 do encontro de vell@s amig@s de Lamatumbá, Mutenrohi, Cinnamon Gum ou The Pigmalions; os Mughty Calacas, blues, soul, surf, funk e groove adobiado con salsa mexicana; a Compañía do Ruído, agrupación que leva unha década “dando leña” por toda a Península; o rock metal de Desequilibrio Mental, e o cantautor punk Leo i Arremecághona!!!

O sábado é a quenda do folk, coa volta da agrupación ferrolá Os Cempés, que se define como “paratradicional”, aos escenarios, celebrando os nada menos que 20 anos dende o seu primeiro concerto. Tamén se escoitaráns sons co recendo salgado dos portos, da man de Taghaitaí! (Lola de Ribeira, Edelmiro Fernández, Iván Costa e Manolo Maseda), a música tabernaria de Vai rañala meu!, que naceu no 92 do sector máis trouleiro da escola de instrumentos tradicionais Manuel Lorenzo Barxa do Real Coro Toxos e Flores de Ferrol, os Devotos do Folclore, grupo de diversas procedencias que confluíron na Asociación Cultural de Sar e en moita foliada no Santiso, e Homen Banda.

Unha festa que naceu da vontade d@s veciñ@s

O festival naceu no 87, por iniciativa dun grupo de moz@s de Solláns, que aspiraban a montar “unha festa que servise para pór en valor a música de raíz galega e confrontala con outras músicas europeas”. Daquela facíase na explanada de San Domingos. Grazas ao esforzo deste grupo de xente, e do apoio das empresas da zona e de Compostela, o festival converteuse nun referente musical: por el pasaron Milladoiro, Fía na Roca, A Quenlla, Leilía, Diplomáticos de Monte Alto, Siniestro Total ou Mercedes Peón. 

Hai cinco anos que @s veciñ@s e membros da asociación cultural Lúa Chea decidiron volver celebrar o Festival. Nestes anos da nova xeira actuaron os grupos musicais afincados en Teo, e outros coma A Quenlla ou Berrogüeto.

O festival conta coa colaboración do Concello de Teo, a Deputación da Coruña, a Casa das Crechas e Superbock.

 

Máis en Ao vivo
Comentarios