Volve 'Música na noite', o festival da música de raíz en Teo

Este sábado o torreiro de San Domingo de Calo acollerá a XVII edición de Música na noite. O festival contará coas actuacións de Nao, Familia Camagno, HabELAS Hainas, Os d'abaixo e Os da Ría.

Música na noite

Máis un ano --e van dezasete-- a asociación Lúa Chea de Teo organiza o xa tradicional festival Música na noite. Será esta sábado na parroquia de Calo e contará cun programa no que se fusionan a música folk e o rock máis punteiros do panorama musical galego. 

Da man de Nao, Familia Camagno, HabELAS Hainas, Os d'abaixo e Os da Ría Lúa Chea prometen "boa música" mais sobre todo "diversión e alegría". Os concertos, que comezarán ás 22.00 horas, terán lugar no Campo de San Domingo de Calo e desde a organización lembran que haberá "acampada libre" e aparcadoiro para quen se desprace desde os arredores de Teo. 

Música na noite naceu no ano 1986 e pouco a pouco foise convertendo nunha das citas máis populares do panorama da música tradicional. Embora a organización decidise facer unha "longa paréntese" entre 1996 e 2007, desde aquela a asociación Lúa Chea recuperou esta data e situouna como un dos espazos nos que proxectar "as novas tendencias emerxentes" da música galega xunto con aquelas que manteñen "os acordes da música tradicional". 

Desde a organización afirman sentírense "orgullosos de ser dos primeiros festivais galegos que puxeron en valor a música de raíz e de ter visto pasar polo noso escenario ao longo destes anos a grupos como Milladoiro, Fía na Roca, a Quenlla, Mercedes Peón, Leilía, Siniestro Total ou Os Diplomáticos". Por iso, animan a todo o mundo a se achegar até o torreiro de Calo. 

Comentarios