A música, os mitos e o feminismo de Fillas de Cassandra, no ‘Sermos Galiza’

O novo número do semanario analiza tamén a situación do cabalo salvaxe galego e a resistencia da lingua mirandesa

Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.
photo_camera Detalles do 'Sermos Galiza' deste sábado.

Como cada sábado, Nós Diario vén acompañado dun novo número do semanario Sermos Galiza, á venda durante toda a fin de semana. Desta vez as protagonistas son María Pérez e Sara Faro, integrantes de Fillas de Cassandra, o grupo de moda na música galega. Unha banda que, en palabras de Montse González, rebélase contra o patriarcado pasado e presente desde a forza, desde unha enerxía imparábel e desde a alegría.

“Recorremos á mitoloxía porque aí se atopan narradas as violencias que vivimos como mulleres. Na Grecia clásica xa está escrito o mito de Cassandra, condenada a ser desacreditada. Ou o mito de Pandora, unha muller castigada por querer saber. Ou o de Lisístrata, tratada de tola por querer parar a guerra detendo os coidados. O que pensamos é que este tipo de cousas seguen pasando, a pesar do avance social do que falabamos. E o discurso dominante segue a ser a suposta neutralidade masculina cando en realidade se está a falar de violencias, de violacións por exemplo”, afirma Faro en conversa con Montse González.

“A canción de Antígona serve de introdución a todo o disco. Cando fixemos esta apertura, queriamos que fose unha letra o suficientemente aberta para que se puidese aplicar a calquera tipo de loita. Hai infinitas loitas. Tamén cando dicimos que a nosa historia está feita con sangue non ten que ser un sangue bélico. Poden ser outros tipos de sangue”, sinala Pérez.

Tradición en perigo de extinción

Abre o semanario unha reportaxe de Elvira Branco sobre os curros e as rapas das bestas, o papel ecolóxico dos cabalos salvaxes nos montes galegos e a súa posíbel desaparición a cargo da instalación de polígonos de enerxía eólica que destrúen os seus hábitats.

“A pesar da importancia ecolóxica e cultural que xira arredor dos cabalos salvaxes que habitan nos montes galegos, o seu hábitat está en perigo. O modelo de enerxía eólica instaurado pola Xunta da Galiza, e cualificado polo tecido ecoloxista como "depredador", aprobou xa a instalación dunha infinidade de polígonos eólicos. As empresas promotoras enerxéticas non demoraron en comezar a destruír o espazo vital destes animais salvaxes”, explica Branco.

O asturleonés de Portugal

Quique Costas explica no Sermos Galiza desta fin de semana a situación da lingua mirandesa, o asturleonés de Portugal.

Mirandés é o nome dunha lingua da familia astur-leonesa falada por 3.500 persoas nos concellos trasmontanos de Miranda e Vimioso. Asociada á ignorancia e á ruralidade, nos anos 1960-1980 deixou de se transmitir nas familias e hoxe atravesa un momento crítico, pois hai estudos recentes que non lle dan máis de 30 anos de vida. Portugal captou os sinais de alarma e parece que vai tomar medidas efectivas a prol do mirandés”, aclara Costas.

Libros, discos, filmes... E moito máis!

Neste número de Sermos Galiza Tensi Xesteira e Inma Otero analizan na sección de Libros as últimas novidades do ámbito editorial, a comezar por Sacho de seda de Abraham Pérez e Imago de Helena de Carlos.

Fernando Montenegro e David Regueiro, no apartado de Música, fálannos de jazz. Montenegro analiza Mat[R]iz de Pablo Castanho & Iván Vilela, “un traballo tranquilo, no que convive a lírica do canto tradicional galego cos ritmos e intensidades da música brasileira, mais fuxindo da comodidade do ambient e do exotismo da world music para internarse con profundidade e rigor na construción dunha dialéctica real entre os dous membros do dúo”.

Pola súa parte, David Regueiro achéganos ao jazz para principiantes, recomendándonos “publicacións un chisco máis recentes, nunha escolla moi subxectiva e ecléctica, mantendo como único criterio que sexan accesíbeis para o grande público debutante no estilo”.

Andrés Castro fálanos unha semana máis de Cinema, analizando Os amantes do engano, dirixida e guionizada por Nicolas Bedos, “un retrato vívido e poliédrico sobre as relacións de parella, o namoramento e os ciumes a través dunha recua de buscavidas que tratarán de trepar custe o que custe”.

Ademais, esta semana Sermos Galiza tamén trae poesía da man de Branca Noveyra, un gorentoso menú de fin de semana estival cociñado por Anxo Fole, e os pasatempos de Xerardo R. Roca e Xoán Costa.

*Lembra que podes atopar o Sermos Galiza acompañando o xornal Nós Diario. 64 páxinas por só 3,20 euros! Tamén podes subscribirte nesta ligazón.

Comentarios