xoves 24/09/20

Música, cine e teatro adornan a Semana Grande de Vimianzo

Sabela Caamaño e Antía Ameixeiras abren hoxe o evento
As artistas Antía Ameixeiras, de orixe vimiancés, e Sabela Caamaño (Foto: Nós Diario).
As artistas Antía Ameixeiras, de orixe vimiancés, e Sabela Caamaño (Foto: Nós Diario).

O Concello de Vimianzo celebra a súa Semana Grande cunha programación cultural especial dentro do Vimiansol, que inclúe a presentación do filme María Solinha, música e espectáculos para toda a veciñanza do municipio.

Todas as actividades desenvolveránse na praza do Concello e son de balde, pero precisan de inscrición previa co obxectivo de garantir as medidas de protección ante a Covid-19.  

A programación comezará hoxe, 7 de agosto, ás 21 horas co concerto de Caamaño-Ameixeiras. Neste evento os e as asistentes poderán escoitar a Antía Ameixeiras, de orixe vimiancés, e a Sabela Caamaño, ambas as artistas con carreiras de grande relevancia.

Ameixeiras foi a gañadora dun concurso de novas intérpretes que a levou a ir de xira co seu violín por Estados Unidos con Carlos Núñez e a actuar con Luar na Lubre. Pola súa banda, Caamaño destaca pola súa arte co acordeón e o piano, que a levou a gañar diversos recoñecementos.

Mañá sábado, día 8 de agosto, ás 21 horas terá lugar La Coquette, un espectáculo de aéreos de Kanbaiota. Contará con Rossina Castelli e Abraham Pavón como protagonistas, nun encontro que achegará ao público unha nova proposta de acrobacias aéreas "con impresionantes rutinas de trapecio, escada e verticais, todo desde o humor e clown".  

Esta semana de festa tamén acollerá a estrea de María Solinha nun cine ao aire libre, o domingo 9 de agosto a partir das 21.30 horas.

Ao evento asistirán o director do filme, Ignacio Vilar, e a alcaldesa do municipio, Mónica Rodríguez, entre outras autoridades.

O evento comezará cun encontro coas persoas asistentes e cos medios e ás 22 horas haberá un photocall e a presentación do filme por parte de Vilar, até que aproximadamente ás 22.30 se proxecte a película, que conta a lenda dunha muller condenada pola Inquisición. 

Música, cine e teatro adornan a Semana Grande de Vimianzo
comentarios