O Museo de Pontevedra estréase como sede da Bienal de Vilanova de Cerveira

Con esta proposta o Museo convértese en sede descentralizada da máis antiga bienal de arte da Península.

Detalle de 'Há ideias apenas' (2022), da artista lusa Mariana Mizarela.
photo_camera Detalle de 'Há ideias apenas' (2022), da artista lusa Mariana Mizarela.

O Museo de Pontevedra inaugura mañá ás 19 horas unha mostra de arte contemporánea que fai parte das sedes descentralizadas da XXII Bienal Internacional de Arte de Cerveira. Até o 20 de novembro poderanse ver no Edificio Sarmiento as obras de quince artistas de Portugal e do Brasil seleccionadas pola directora artística da Bienal, Helena Mendes Pereira. 

A escolma de artistas inclúe creadoras e creadores de referencia na arte portuguesa como Zulmiro de Carvalho, Ana Vidigal ou Mafalda Santos, xunto con outras autoras e autores lusas de diferentes xeracións, cunha destacada presenza feminina: Elsa César, Ana Maria Pintora, Henrique do Vale, Juan Domingues, Mariana Mizarela, Pedro Figueiredo, Serafim Sousa e Sobral Centeno. 

O Brasil tamén está presente na mostra está presente coa obra de Jayme Reis e Zélia Mendonça. A selección complétase con dúas obras que forman parte da homenaxe que a bienal dedica a Helena Almeida, da man de Ana Monteiro e Maria Cunha. 

A directora artística da Bienal e responsábel da escolma explica así a súa escolla: “Son autores de diferentes xeracións e plasticidades que comparten o gusto polo detalle, polo deseño, pola expresión do corpo, con enfoque na dimensión poética da obra de arte e nas mensaxes indecíbeis que agocha”. 

A participación do Museo de Pontevedra como sede desta mostra contribúe a afianzar os lazos culturais e artísticos entre Galiza e Portugal e permite que o público galego se poida achegar á arte actual do país veciño. En paralelo á inauguración en Pontevedra, ona quinta feira tamén se abrirá a exposición en Monção, outra das sedes descentralizadas da Bienal. Nesa mostra participará o marinense Antón Sobral, xunto cun artista portugués e outro brasileiro. 

Emerxencias que afectan a todas

A 22ª Bienal Internacional de Arte de Cerveira, a máis antiga da península Ibérica, abriu as portas desta 44ª edición o 16 de xullo e permanecerá aberta até o 31 de decembro de 2022. 

Nesta ocasión o tema central é We must take action! (É preciso actuar!) e ten como obxectivo actuar e facer reflexionar aos artistas sobre as emerxencias globais que afectan a todos, como o cambio climático. En total presentáronse perto de 270 obras de 318 artistas de 29 países. Continuando co proceso de transformación dixital que marcou a edición de 2020, a Bienal manterá este ano o seu formato híbrido, combinando exposicións e eventos presenciais con actividades no ámbito dixital (entrevistas a artistas, visitas guiadas e performances e intervencións artísticas). 

Cómpre salientar que, nas últimas décadas, a Bienal Internacional de Arte de Cerveira consolidouse como unha das citas de artes plásticas máis destacadas da península Ibérica, sendo unha cita de referencia para a cultura artística nacional e internacional. 
Ademais de Pontevedra e Monção, a Bienal conta con polos expositivos noutras tres localidades do norte de Portugal: Caminha, Vila Verde e Alfândega da Fé.  

Homenaxe á pintora Helena Almeida e entrega de premios

A edición deste ano da Bienal de Vilanova de Cerveira inclúe entre outras actividades, unha homenaxe á pintora Helena Almeida (1934-2018) que ten lugar trinta e oito anos despois da participación da artista na IV edición da Bienal de Cerveira, en 1984, na que foi galardoada coa súa obra Saída Negra

Tamén haberá un concurso internacional, artistas convidados, representacións de centros de ensino superior e performances, residencias artísticas, obradoiros, etc.

Durante o acto de inauguración fixéronse públicos os Premios de Adquisición do Concello de Vila Nova de Cerveira, por importe de 20 mil euros, atribuídos aos artistas: André Silva, Costanza Givone e Sofia Arriscado, Gabriel Borem, Lemos + Lehmann, Lia Cunha, Marcio. Pimenta, Romano Saraiva, Svenja Tiger e Tomé Capa.

Comentarios