A exposición 'Mirar de novo' propón un relato que non exclúa as mulleres artistas

Construír unha historia da arte máis inclusiva

Construír un relato que permita unha nova lectura da historia da arte sen a tradicional exclusión das mulleres artistas. Eis a pretensión de Mirar de novo. A muller contra o tempo, unha exposición que mostra o fecundo potencial desa nova mirada sobre o desenvolvemento das artes desde comezo do século XX até os nosos días. 
'Moza rubia / O campión', de Maruxa Mallo. Óleo sobre táboa, ca. 1950.
photo_camera 'Moza rubia / O campión', de Maruxa Mallo. Óleo sobre táboa, ca. 1950.

Non se trata tanto de mostrar os traballos realizados por mulleres -que tamén- senón de incrustar os seus nomes no canon artístico, reescribir dunha maneira inclusiva a historia da arte para corrixir a eiva tradicional da exclusión das mulleres. A exposición Mirar de novo. A muller contra o tempo, que se pode visitar até o vindeiro 4 de xuño na Sede de Afundación da Coruña, contén no seu título a intención que a guía: mirar de novo ampliando o ángulo de visión, enfocando aquilo que antes quedou nas marxes. 

Como explican os comisarios da mostra, "construír esa liña de tempo permite descubrir como o que tradicionalmente se considerou residual hoxe pode terse convertido en fundamental". 

De feito, unha das novidades máis salientábeis que se presentan na mostra é un timeline, unha sorte de nova liña cronolóxica -conceptualizado por David Barro e deseñado por Cristina Moralejo- que ilustra, nunha liña de tempo, a evolución de movementos, tendencias e estilos desde o ano 1900 até a actualidade, incorporando o nome das moitas mulleres que fixeron parte destes movementos e a quen se lles negou a visibilidade e o recoñecemento que si obtiveron os seus coetáneos varóns. Como explican os comisarios da mostra, "construír esa liña de tempo permite descubrir como o que tradicionalmente se considerou residual hoxe pode terse convertido en fundamental". 

Mirar de novo mostra trinta e tres pezas realizadas por trinta e unha artistas escollidas de entre os fondos das coleccións de arte de Abanca e Afundación, ás que se suman, en calidade de cesións, creacións procedentes do Museo de Belas Artes de Asturias, da Colección DIDAC, Fundación RAE e coleccionistas particulares. Comisariada por David Barro e Diego Cascón Castro, coa colaboración e elaboración do texto analítico do catálogo da experta e crítica de arte Mónica Maneiro, busca completar ese relato sobre a arte do século XX no que, na maior parte das veces, faltan protagonistas de primeiro nivel: se se fala de Lorca e Dalí non se pode deixar de falar de Maruxa Mallo; se se fala de Picasso, Braque e Juan Gris, non se pode obviar o nome de María Blanchard. 

Entre outras, están presentes obras de Cristina Iglesias, Maruxa Mallo, Julia Minguillón, Menchu Lamas, Berta Cáccamo, Elena Colmeiro, María Blanchard, Pamen Pereira, Helena Almeida, Carmen Calvo, María Xosé Díaz, Susana Solano, Soledad Sevilla, Tatiana Medal, Antía Moure, Mónica Alonso, Lita Cabellut ou Yolanda Ferrer. Nomes cuxa entrada no imaxinario colectivo é sempre  máis custosa que a dos seus compañeiros varóns. 

A exposición transita, grazas a estas obras, pola construción dunha diferenza de xénero a partir do íntimo (Elena Colmeiro), da ruptura coas leis da representación e das sucesivas reencarnacións da abstracción (de María Blanchard a Fiona Ray), ou da reivindicación do performativo na relación entre corpo e identidade (de Maruxa Mallo a Mónica Alonso).

Mirar de novo. A muller contra o tempo pon o foco en creadoras que, polo xeral e contrariamente á tradicional exclusión das mulleres, si obtiveron un amplo recoñecemento polo seu traballo

Contra o tempo 

Mirar de novo. A muller contra o tempo pon o foco en creadoras que, polo xeral e contrariamente á tradicional exclusión das mulleres, si obtiveron un amplo recoñecemento polo seu traballo. Así, preténdese pór en valor "a potencia, diversidade e interese" que encerra a arte feminina na o panorama artístico desde principios do século XX ata a actualidade. 

Mais tamén existen casos de artistas que, aínda sendo recoñecidas, seguen a buscar o seu verdadeiro lugar na historia recente das artes. É o caso, por exemplo, de Julia Minguillón, que desenvolveu unha obra a contracorrente das tendencias con maior visibilidade na súa época, mais cuxa calidade precisa atopar un marco teórico que a sitúe dentro da historia do seu tempo. 

Ou de Berta Cáccamo, cuxo pasamento temperán, xusto no momento en que se proxectaba no panorama internacional con máis forza, atrasou dramaticamente o seu recoñecemento.

Comentarios