Abanca expón a súa colección tomando como referente a Italo Calvino

Seis propostas para ler a arte e a realidade

Unha exposición en Santiago exhibe unha parte dos fondos da Colección Abanca vertebrados arredor das propostas literarias suxeridas por Italo Calvino na súa obra Seis propostas para o próximo milenio. A mostra inclúe pezas de artistas como Kandinsky, Maruxa Mallo, Picasso, Lugrís, Juan Muñoz ou Euxenio Granell.
Unha obra de Joaquín Torres García, 'Port constructif au drapeau jaune', presente na exposición dos fondos da Colección Abanca.
photo_camera Unha obra de Joaquín Torres García, 'Port constructif au drapeau jaune', presente na exposición dos fondos da Colección Abanca.

"Entre as súas moitas virtudes, Chuang Tzu tiña a de ser destro no debuxo. O rei pediulle que debuxase un caranguexo. Chuanzg Tzu respondeu que necesitaba cinco anos e unha casa con 12 servidores. Pasaron cinco anos e o debuxo aínda non estaba empezado. 'Preciso outros cinco anos', dixo Chuang Tzu. O rei concedeullos. Transcorridos os 10 anos, Chuang Tzu tomou o pincel e nun momento, cun só aceno, debuxou un caranguexo, o caranguexo máis perfecto que nunca se vira". 

Este breve relato fecha a conferencia que Italo Calvino dedicou á rapidez, a segunda da serie Seis propostas para o próximo milenio, que a morte lle impediu rematar. Se cadra, este conto é a proba que demostra o que Calvino repetía: que cada unha das súas propostas incluía a súa contraria. As seis características que, segundo o autor italiano, impregnarían o milenio que xa habitamos eran levidade, rapidez, exactitude, visibilidade, multiplicidade e consistencia. E visto o que levamos de século, de milenio, non pareceu errar moito. 

A mostra conta co aliciente suplementar de exhibir pezas que hai moito tempo que non se lle mostran ao público. 

Abanca vén de inaugurar unha exposición na súa sede de Santiago de Compostela que, composta por obras pertencentes aos fondos da súa colección, ten como fío condutor, segundo explican, esas seis propostas de Calvino, aínda que baixo o título dun inédito que se atopou entre os papeis do autor despois da súa morte e que se publicou como apéndice ás conferencias: "A arte de comezar e a arte de rematar". A mostra conta con obras de autores como Kandinsky, Picasso, Dalí, Maruxa Mallo, Ángelo de Sousa, Washington Barcala, Urbano Lugrís, José María de Labra ou Euxenio Granell, entre outros, e conta co aliciente suplementar de exhibir pezas que hai moito tempo que non se lle mostran ao público. 

Sobre a lectura

Cando Calvino faleceu, Internet estaba aínda en fase de desenvolvemento, pero na serie de conferencias que proxectou xa se pode albiscar un futuro que agora é o noso presente ("as máquinas de ferro seguen existindo, mais obedecen aos bits sen peso"), dominado pola velocidade, pola levidade, pola multiplicidade de estímulos, pola loita pola visibilidade. En canto á exactitude e a consistencia, talvez haxa que buscar neses bits que se agochan detrás da máquina en que se converteu na sociedade para atopar a súa influencia. 

Unha sociedade na que a preeminencia da imaxe e a loita contra a fugacidade do tempo se erixe en patrón de comportamento precisaría dunha literatura que manexase eses valores para estar á altura dos tempos. Unha literatura "que fixese seu o gusto pola orde mental e a exactitude, a intelixencia da poesía e, ao mesmo tempo, da ciencia e da filosofía". 

A cultura como sistema social depende, en gran parte, desa acción de ler, de interpretar

Na mostra de Abanca, esas propostas queren proxectarse na dimensión plástica, ao ámbito da pintura e a escultura. Pero máis alá da literalidade que se pretende aplicar á hora de observar a presenza das suxestións de Calvino nas obras concretas (a levidade na pintura de Sean Scully, a exactitude nas esculturas de Jorge Oteiza ou Luís Caruncho, a rapidez nos lenzos do Equipo Crónica ou a visibilidade nas pezas de Urbano Lugrís), talvez ten máis interese pescudar na forma en que nos enfrontamos a cada unha desas obras, como efectuamos a lectura do que nos queren dicir. 

A cultura como sistema social depende, en gran parte, desa acción de ler, de interpretar, e polo tanto, a rapidez e a fragmentación ás que estamos afeitos na vida cotiá debe influír necesariamente na maneira en que aprehendemos as mensaxes que se nos transmiten, xa sexa desde a literatura, desde as artes plásticas ou desde as redes sociais. 

Se nos deixamos levar por unha lectura superficial das propostas de Calvino, será fácil confundir levidade con superficialidade, visibilidade con exhibicionismo, multiplicidade con desintegración ou rapidez con atordoamento. 

Mais se temos en conta a fábula de Chuang Tzu e o debuxo do caranguexo, veremos que a rapidez só pode nacer da lentitude, a multiplicidade da coherencia, a visibilidade do recollemento, e a levidade da consistencia. Xa se sabe que todo documento de cultura pode selo tamén de barbarie, e por iso cómpre ter presente que a rapidez dos fluxos de capital non é a mesma que a dos impulsos que moven o pensamento.

Comentarios