O muralismo tamén florece no rural

A cultura urbana xa non é un asunto exclusivo das grandes cidades. Cada vez máis vilas botan man do muralismo para ofrecer unha nova lectura dos espazos públicos ou, simplemente, para embelecer a contorna. 'Máis que cor na Ribeira Sacra' estréase en Castro Caldelas como un novo festival do xénero "urbano".
Realización dun mural no festival 'Máis que cor na Ribeira Sacra'. (Foto: Turismo da Ribeira Sacra)
photo_camera Realización dun mural no festival 'Máis que cor na Ribeira Sacra'. (Foto: Turismo da Ribeira Sacra)

"Achegar a arte urbana á poboación, concienciar sobre a importancia de combater o feísmo e embelecer as nosas aldeas". Con esa intención nace Máis que cor na Ribeira Sacra, o primeiro festival de muralismo que acolle esta zona e que dá continuidade  á iniciativa Un toque de cor na Ribeira Sacra coa que se recuperaban muros, inmóbeis e elementos arquitectónicos degradados mediante intervencións de arte urbana.

Castro Caldelas é o centro deste novo festival que, até o 21 de outubro, contará coas propostas dalgúns dos máis coñecidos muralistas da Galiza -Doa Oa, Yoseba MP, Novenoel e Cestola na Cachola- xunto coa da barcelonesa Alda Fabre. 

O auxe do muralismo -ou do post-graffiti como prefiren chamarlle algúns estudosos do fenómeno- hai tempo que traspasou o límite das grandes cidades para expandirse por vilas e aldeas. As intervencións murais de espazos deteriorados ofrecen unha nova lectura da contorna, humanizando e embelecendo os lugares que arrodean a vida social da poboación. 

Murais de vocación ornamental e outros de fondo reivindicativo lograron atraer o apoio institucional, que á súa vez contribuíu a consolidar unha expresión artística que mantén o interese por transmitir unha mensaxe de intervención social. 

Boa proba dese nutrirse mutuamente entre a institución e un xénero nacido na rúa, á marxe do mercado, son os programas que adoitan acompañar os festivais de muralismo: no caso do da Ribeira Sacra, ademais da elaboración das pezas ao vivo -habitualmente o prato forte deste tipo de eventos- , o programa do festival incluíu unha clase maxistral de pintura, impartida por Alba Fabre, un obradoiro de expresión artística centrado en Patróns e xeometría da natureza, a conferencia Os Murais de antes: temáticas e técnicas, impartida por Xoana Almar, e unha mesa de debate sobre a situación do muralismo na Galiza. Mais sen dúbida, os verdadeiros protagonistas son os murais que deixarán na vila os cinco artistas convocados para o evento.

Artistas 

Doa Oa (Sober), nome co que asina Doa Ocampo, é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e veciña da Ribeira Sacra desenvolve a súa obra en sintonía coa natureza e cos elementos vexetais que rodean os espazos que muraliza. Estuda e investiga sobre os elementos vexetais da paisaxe, da contorna e a súa relación coas xentes que habitan o lugar. Define as súas intervencións como unha reforestación visual en espazos rurais ou áreas naturais en espazos urbanos.

Yoseba Muruzábal (Cambre), alias Yoseba MP, tamén licenciado en Belas Artes pola Universidade de Vigo, gañou numerosos certames de recoñecemento e participou en moitos festivais galegos como o Desordes Creativas, Rexenerafest, Crómatico Fest, Vigo Cidade de Cor, Compostela Contemporánea ou Culturban,  entre outros. Yoseba fíxose popularmente coñecido na Galiza coa súa serie Fenómenos do rural, onde retrata as "súperavoas galegas".

Novenoel (Rianxo) é graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela e técnico superior en Ilustración pola EASD Pablo Picaso (A Coruña). Desenvolve unha liña pictórica inspirada na narrativa secuencial e a arte popular, intervindo todo tipo de espazos e superficies, desde ilustración a deseño pasando por escenografía ou murais de gran formato en vivendas e edificios.

Cestola na Cachola (Santiago de Compostela), nome artístico de Miguel Peralta, cursou Ciclo Superior de Escultura na Escola Pública de Artes de Almería e Ilustración na Escola Pública de Artes de Granada. Gústalle a narrativa visual, contar historias con imaxes. En 2011, trasládase á Galiza e en 2013 crea, xunto a Xoana Almar e Raquel Doallo, a empresa Cestola S. Coop. Galega, onde traballa de pintor, ilustrador e muralista.

Finalmente, Alba Fabre (Barcelona) formouse no Programa de Debuxo e Pintura na Barcelona Academy of Art, onde actualmente é mestra. O seu traballo caracterízase por un estilo figurativo próximo, en ocasións, ao impresionismo. A súa obra interésase pola análise da linguaxe e os conceptos da arte clásica, reproducido nunha pintura habitualmente figurativa, onde a forza e a cor adoitan ser o centro de atención. 

Algunhas das mellores sinaturas do muralismo galego en Castro Caldelas

De arriba abaixo e de esquerda a dereita, obras dos artistas participantes no festival Máis que cor na Ribeira Sacra: murais de Novenoel (O informe pelícano, en Acapulco, México), Doa Oa (Rosa Kanina L., en Ferizaj, Kosovo), Alba Fabre (Sidros y comedies, en Oviedo, Asturies), Yoseba MP (Fina de Carballo, a muller nitromón, en Carballo), e Cestola na Cachola (Anduriña asolagada, nos Peares). Todos teñen un extenso historial de premios e intervencións en festivais.

Comentarios