Caderno do Verán

As "súperavoas" locen mandil

Yoseba MP (Joseba Muruzábal) aumenta a súa colección de murais en toda a Galiza, un país no que xa ten unha exposición masiva.
muxia4
photo_camera Mural de Yoseba MP en Muxía (Foto: Yoseba MP)

A súa pegada é xa visíbel por toda a Galiza. E máis que vai ser. O muralista Yoseba MP (Joseba Muruzábal)rematou hai escasos días o mural dunha das súperheroinas da terra –as "súperavoas"– en Quiroga e nuns días retomará o traballo en Vigo. 

En Compostela, Muxía, Carballo, Arcade, Ordes, Navia de Suarna, Ponteceso, Sigüeiro, As Pontes, Baio ou Cambre, en moitos casos ao pé da estrada, agardan as musas deste pintor, que xa viña traballando a mesma temática en cadro até que se atreveu a facer o primeiro gran formato nunha edición do festival Desordes Creativas.

Pronto chegaron as chamadas dos concellos buscando homenaxear as súas veciñas.

E o artista encantado "polo que representa".  "Toda señora con mandil é unha súperavoa", destaca. Malia que non é difícil facer unha interpretación certeira para o público, explica que o que quere deixar nas paredes é "a forza da muller rural galega".  

"Eu teño a teoría da forza minifundista: estas mulleres mesturaron o traballo na horta co da casa nunha dínamo que non ten freo", reflexiona. De feito, cando o chaman para pintar en distintas localidades do Estado traballa con outra serie, a dos xoguetes, porque non cree que fóra do país se chegue a entender ben a oda ás avoas da aldea. 

Procura contar a idiosincrasia das protagonistas, pasa varios días con elas para coñecer a súa vida e logo é cando chega o baile de pintura, pinceis, brochas e cor.

"Agardo poder pintalas até que morra a última porque non vai haber outra xeración que entenda a vida como a entenderon estas mulleres de preguerra, guerra e posguerra", anuncia Yoseba MP. 

Comentarios