Situado fronte a murallla romana de Lugo, a obra xoga coa idea de Imperio

O mural 'Xulio César', de Diego AS, candidato a mellor mural urbano do mundo en 2021

Xulio César, un mural do lucense Diego AS, vén de ser nomeado pola plataforma Street Art Cities -a maior comunidade de arte urbana do planeta- para a elección de mellor mural do mundo en 2021.
'Xulio César', o mural de Diego AS candidato a mellor graffiti en 2021.
photo_camera 'Xulio César', o mural de Diego AS candidato a mellor graffiti en 2021.

Diego AS (Anido Seijas) é o autor de Xulio César, un mural urbano que dialoga coa muralla romana de Lugo e que vén de ser nomeado pola plataforma Street Art Cities -a maior comunidade de arte urbana do planeta- para a elección de mellor mural do mundo en 2021. A obra xa fora recoñecida como mellor graffiti do mundo do mes de agosto e sitúase agora como cabeza de cartel dun movemento que ten na Galiza un enorme desenvolvemento. 

“A nomeación é moi ilusionante, comunicáronmo hoxe pola mañá”, declara Diego AS a Nós Diario, “e alégrome non só por min, senón tamén pola presenza que lle pode dar a Lugo e a toda a comunidade de artistas que traballa na cidade”. 

Na Galiza existe un gran potencial de artistas urbanos, tanto os que saen de escolas de arte como os autodidactas que traballaron na rúa desde o primeiro momento

O graffiti pasou, en poucos anos, de ser criminalizado como vandalismo a constituír unha manifestación artística que resume moitos dos sinais de identidade diso que se deu en chamar “cultura urbana”. O paso das “pintadas” primitivas a unhas obras con maior vocación de permanencia e de dimensión máis espectacular tivo como resultado que moitas cidades e vilas compitan por exhibir murais urbanos nas súas rúas. 

“Máis tarde ou máis cedo tiña que suceder”, sentencia Anido. “A poboación acaba vendo isto como un museo ao aire libre, e estamos nun momento ideal para que o éxito se consolide: a xente gústalle pasear ao aire libre e sacar selfies coas obras de fondo. E na Galiza existe un gran potencial de artistas urbanos, tanto os que saen de escolas de arte como os autodidactas que traballaron na rúa desde o primeiro momento. Estanse abrindo moitas vías”. 

Diego AS ten, podiamos dicir, unha formación mixta. Estudou gravado e serigrafía, pero xa antes pintaba polas rúas creando un estilo e desenvolvendo unha técnica. “Pouco a pouco fun avanzando tecnicamente e púxenme a estudar para enfocarme nas obras de gran formato”.
O resultado -polo de agora- é o desta nomeación. Un xurado experto escolleu os 100 finalistas pero agora será o voto popular o que decida o gañador. O sistema de votación é online, o prazo xa está aberto e pecharase o día 6 de febreiro. 

Unha chiscadela ao imperio 

Lugo ten unha avultada canteira de artistas urbanos pero, di o muralista. "só agora o Concello apostou na nosa obra organizando un festival no que os artistas locais teñen un gran protagonismo". Pioneiros como Concepto Circo deron paso a novos artistas que teñen unha visión máis global da súa obra. 

"Eu xa tiña fichada esa fachada desde había tempo, pero só con ese novo impulso que se lle está dando ao graffiti tiven a oportunidade de intervila. E o tema, ao estar fronte a muralla, viña dado: algo espectacular e atractivo esteticamente que lle fixese unha chiscadela a idea do imperio romano".

Comentarios