Contracultura

María Reimóndez: "O mundo vexetal, que non entendemos, ten unha visión da existencia distinta á nosa"

María Reimóndez, escritora e tradutora, vén de publicar o libro 'Multitudes' (Xerais), que continúa a historia dos seres completos que protagonizaron Cobiza. Nesta conversa, Reimóndez refírese a esta fusión entre a realidade humana e o mundo vexetal, así como ás causas dunha distopía que pouco a pouco vai abríndose cara a unha nova realidade. Defende que a novela achégase á esperanza.
A escritora recolle no libro algunhas críticas aos valores humanos dominantes na actualidade. (Foto: Cedida).
photo_camera A escritora recolle no libro algunhas críticas aos valores humanos dominantes na actualidade. (Foto: Cedida)

—Cando publicou Cobiza xa tiña claro que ía existir unha segunda parte?
Si, en realidade cando escribín Cobiza, escribín máis do que está publicado, mais crín que era demasiado contido para un único libro. A historia estaba deseñada, por dicilo dalgunha maneira, mais parecíame mellor dividila nestes dous libros. Multitudes é unha continuidade directa de todo o que aconteceu na primeira parte, con elementos novos que van recompoñendo a historia e os espazos que en Cobiza non están tan aclarados, fíos que quedan do pasado e que nesta novela se van recollendo para coñecer máis. Por suposto, tamén avanza a trama seguindo esas liñas que quedaron abertas. 

—Se Cobiza explicaba a causa dos males deste mundo distópico, Multitudes presenta algunhas posíbeis solucións?
Si, digamos que Cobiza é o espazo onde se presenta a realidade e se dan algunhas pistas do que vai acontecendo, mais Multitudes é realmente a novela onde se exploran cales son as alternativas a esta realidade que se presenta. Dentro diso, hai unha complexidade de situacións e de estratexias, mais a clave é que é unha novela que se achega máis a esperanza. 

Nas lecturas que fun facendo de Cobiza, e agora que foi traducida ao español e estou volvendo vivir ese proceso, doume de conta de que hai xente que se queda na parte do horror. Con todo, tamén é certo que a maioría de persoas saben ler xa en Cobiza ese xermolo da esperanza. En Multitudes xa é algo que se explora aínda máis. É unha novela que ten máis acción, non no sentido dos filmes estadounidenses, senón no sentido da materialización da esperanza, de como se formulan as distintas maneiras de actuar e de abrirnos as portas a outros personaxes que parecían máis secundarios, mais que agora teñen un papel relevante.

É unha novela polifónica e evidentemente todos os seres que aparecen, sexan humanos ou vexetais, teñen a súa propia personalidade e perspectiva sobre as cousas, polo que tamén hai múltiples posturas sobre o que se debe facer nunha situación como a que se presenta. En Cobiza xa temos posicionamentos, por exemplo, o de Luz Divina, o que ela pensa que ten que facer, e de feito faino coas consecuencias que iso ten para todo o mundo. E despois, cos seres completos, que foron evolucionando cada un á súa maneira porque partían dunha base distinta. Tiñan a súa propia personalidade, dentro da conexión que teñen, mais tamén foron entrando en contacto con distintas realidades humanas, porque tampouco hai unha soa. 

—Que cre que debemos ou podemos aprender destes seres completos?
Todo. Eu creo que eses seres completos xa existen. O mundo vexetal que nos rodea é un mundo que non entendemos para nada e que ten unha visión totalmente distinta da existencia, por dicilo dalgunha maneira. Veño de traducir un libro para Baía, A linguaxe das plantas, que divulga sobre estes temas para a infancia e a rapazada. De súpeto, comezamos a saber que as plantas son seres sentintes, non no sentido máis humano, mais si con memoria, con capacidade olfactiva e visual... Todo o seu corpo é sensorial. Son un elemento que vive conectado ao colectivo e á materialidade da terra. 

A nosa maneira de estabelecer sociedade é inintelixíbel para un ente arbóreo porque os valores humanos dominantes neste momento teñen moi pouco que ver co orgánico vexetal. En Multitudes están estas chaves: un dos seres quedou nas ruínas da antiga Capital, outros marcharon nun barco e están tamén os que quedaron no Fogar. Todo isto vai explorando as distintas formas nas que se poden materializar estas ideas, mais claro, é difícil falar disto sen falar da trama.

Comentarios