O Festigal volta con Tanxugueiras de cabeza de cartaz

A comisión organizadora do Festigal anunciou na mañá da cuarta feira o cartaz co que regresa dous anos despois, após o parón obrigado pola situación de emerxencia sanitaria.

As Tanxugueiras, un fenómeno positivo para o sector cultural (Foto: Facebook)
photo_camera As Tanxugueiras, nunha imaxe de arquivo (Imaxe: Nós Diario)

Unha das citas musicais máis esperadas do verán, o Festigal, anunciou esta cuarta feira, o cartaz co que volta após dous anos de parada obrigada pola Covid-19.

O festival, organizado, entre outros, por Galiza Nova e a Fundación Galiza Sempre no marco do Día da Patria Galega, terá como cabeza de cartaz Tanxugueiras. O 24 de xullo, a partir das 22 horas, actuarán de balde no escenario situado no Campus Vida, Bratzantifa, a banda gañadora do concurso de Novos Valores convocado polo propio Festigal, así como A banda da loba, Familia Caamagno e o prato forte: Tanxugueiras.

O día 25 de xullo, a partir das 18 horas, no espazo Café Concerto, actuarán tamén con entrada libre Alberto Mvundi, Os John Deeres, Berto e DJ Ferromona. A organización do Festigal, que o pasado ano se comprometera a realizar unha proposta "inesquecíbel", volve organizar a acampada na noite do 24 de xullo, con inscricións de balde

Vinte anos de traxectoria

No acto de presentación interviñeron Lucía López, da Comisión Festigal; Lucía Veciño, da Fundación Galiza Sempre; e Marta Gómez, secretaria xeral de Galiza Nova. "O Festigal quere celebrar, así, 20 anos de historia neste Día da Patria Galega tan especial con grandes concertos de diversos estilos musicais dirixidos a todos os públicos", explica a organización nun comunicado de prensa.

Presentación do cartaz musical da 20º edición do Festigal (Imaxe: Nós Diario)
Presentación do cartaz musical da 20º edición do Festigal (Imaxe: Nós Diario)

Nos seus 20 anos, salientan, "Festigal converteuse nunha gran feira da cultura galega, de entrada libre, que dá a coñecer novas expresións artísticas e creativas para construír conciencia de país".

Unha feira de asociacións, postos de artesanía, zona de acampada, oferta gastronómica, librarías, galería das ideas e obradoiros infantís completan a ampla programación que atrae milleiros de persoas ao Campus Vida da USC cada 24 e 25 de xullo.

Comentarios