Pesar en Vigo pola morte do seu cronista oficial, Ceferino de Blas

Faleceu este domingo aos 79 anos após toda unha vida dedicada ao xornalismo.
O xornalista Ceferino de Blas.
photo_camera O xornalista Ceferino de Blas.

O xornalista e escritor asturiano Ceferino de Blas faleceu na madrugada deste domingo aos 79 anos de idade. Nado en 1943 no municipio de Corvera, cursou os estudos de Filosofía e Letras e posteriormente licenciouse en Xornalismo, carreira á que estivo estreitamente ligado ao longo da súa dilatada traxectoria.

De Blas traballou para diferentes medios de comunicación como La Nueva España, La Voz de Asturias, El Periódico de Catalunya ou a axencia EFE, até que recalou en 1986 en Faro de Vigo, xornal que chegou a dirixir durante unha década e no que exerceu até a súa xubilación en 2008.

Foi cronista oficial de Vigo e membro de número do Instituto de Estudos Vigueses

O seu vínculo coa cidade olívica levouno a ser designado polo Concello, en 2017, como Cronista oficial de Vigo, distinción que ostentara previamente o xornalista Lalo Vázquez Gil até 2016, ano do seu pasamento.

Foi tamén elixido membro numerario do Instituto de Estudos Vigueses por mor do seu elevado coñecemento da historia da cidade na que residiu durante catro décadas.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, despediuno nas súas redes sociais como "gran vigués, grande amigo, sempre no noso corazón e na nosa memoria".

Tamén o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, lamentou o seu pasamento: "Galiza perde hoxe un xornalista e escritor de referencia, pero Vigo a un dos maiores coñecedores da súa historia".

E desde o BNG, o seu portavoz municipal e candidato á Alcaldía, Xabier Pérez Igrexas, engadiu: "Triste nova para a cidade o falecemento de Ceferino de Blas. A súa foi unha das voces xornalísticas máis comprometidas con Vigo. Non perdemos apenas o cronista oficial senón a un dos protagonistas da historia viva da nosa cidade".

Comentarios