Montse Fajardo presenta 'A vida incerta' de Virxinia Pereira

Vagalumes acolle a presentación da obra sobre Virxinia Pereira na estrada após a súa estrea en Pontevedra.
Virxinia Pereira (CCG).
photo_camera Virxinia Pereira (CCG).

A Asociación Cultural Vagalumes presenta mañá ás 20 horas, na praza da Música da Estrada, A vida incerta. Biografía de Virxinia Pereira, de Montse Fajardo, unha obra editada polo Concello de Pontevedra, na que tamén colabora o colectivo de Tabeirós-Terra de Montes.

Nada na Estrada, Virxinia Pereira percorreu o mundo na defensa da dignidade e dos dereitos do pobo galego fronte ao fascismo e a impunidade, "un compromiso compartido co seu home, Castelao, desde os tempos máis felices ao seu carón na procura do recoñecemento do noso país, até as situacións máis duras na guerra e no exilio", salientan desde Vagalumes.

Na súa obra, Fajardo reconstrúe o pensamento e a loita "desta muller intelixente e combativa invisibilizada durante décadas", a través da correspondencia mantida con Otero Pedrayo e outras figuras coetáneas da cultura galega.

 A presentación poderase seguir en directo a través da páxina de Facebook do portal Tabeirós-Terra de Montes. Será a primeira cita coa autora fóra de Pontevedra, onde hoxe deu a coñecer o seu libro, xurdido no marco do programa 'A memoria das mulleres' da Concellaría de Patrimonio e Memoria.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios