Contracultura

Sheila Patricia: "É moi gratificante ver que festivais galegos están apostando por artistas locais"

Sheila Patricia é unha das pioneiras da música folk e electrónica e tamén unha das artistas confirmadas para estar no festival Revenidas, que terá lugar entre o 7 e o 10 de setembro. Patricia aborda a acollida da música galega a nivel internacional, mais tamén nos carteis dos festivais do país.

Sheila Patricia estará levando a música galega ao ámbito internacional. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sheila Patricia estará levando a música galega ao ámbito internacional. (Foto: Nós Diario)

—Parece que os festivais van abrindo a oferta de música tradicional. Cal é a súa percepción desde dentro da industria?
Creo que a música tradicional tamén se está achegando máis á música urbana, por dicilo dalgunha maneira, polo que tirando uns dun lado e outros doutro conseguimos estar máis presentes e si que pode que haxa unha lixeira tendencia a programar máis música galega e en galego. Diría que máis ben saen oportunidades porque estamos nunha escena viva. De feito, non sinto que vaia á par: creo que por desgraza hai máis oferta en comparación coas oportunidades que dan.

Os grandes festivais acaban copando as súas programacións con grupos de fóra, que ao final é algo que nos prexudica. Evidentemente de vez en cando tamén teñen que vir cousas grandes, que moven multitudes, mais creo que é cuestión de saber onde está o termo intermedio. Desde logo é moi gratificante saber que festivais galegos están apostando por artistas locais. Ao final, a industria musical é un negocio moi grande e depende moito de quen programe e dos intereses que haxa. Para nós, saber que iamos estar no Revenidas, foi unha alegría enorme. O equipo ten moitas ganas de estar aí, desfrutar e escoitar tamén o resto de propostas que irán.

—Hai uns meses tivo a oportunidade de estar no encontro internacional Womex. Cal foi a acollida que recibiu o seu proxecto?
Foi unha oportunidade inigualábel. Abriunos moitas portas a nivel internacional, que sempre deixa un bo sabor de boca, e penso que foi unha demostración de que a música en galego pode levarse por aí adiante sen ningún problema. Penso que é un motivo de honra para nós como pobo.

A raíz deste encontro tocamos en Canarias varias veces, en Madrid, iremos dentro de pouco a Frankfurt e tamén a Corea do Sur. É que saíron cousas que unha ás veces nin pensa na súa vida. Como ía imaxinar eu estar tocando a miña música en Corea do Sur? Por iso chama tanto a atención o contraste que hai á hora de programar, porque que non hai ningunha dúbida de que hai interese pola nosa música.

Compañeiros e compañeiras están facendo espectáculos marabillosos e hai moita xente nova que está sacando cousas moi potentes. Estou pensando en xente como Mondra, como non vai gustar iso? É inevitábel e demostra que hai un oco para nós, o que pasa é que temos por diante unha batalla longa en determinados contextos.

—Ten un novo disco no horizonte?
Aínda que o manual di que o verán non é o mellor momento para lanzar nada, nestes meses estaremos publicando un par de cousas que formarán parte do novo traballo. Aínda non temos unha data definitiva para anunciar, mais si que podo dicir que é un proxecto que vai moito na liña das últimas cousas que saquei: unha mestura entre o máis pulcro, puro e orgánico coa electrónica, entre a canción tradicional e popular coa música feita en estudo e preproducida.

Creo que estamos nunha boa dirección que, evidentemente, non durará sempre, porque isto son tendencias que van e veñen, mais o bonito de todo é que poden cambiar os sons e as estéticas, mais a mensaxe segue a ser a mesma.

A nosa música bebe das coplas populares transmitidas entre as mulleres da nosa cultura, do noso pobo, e a única diferenza é que agora estanse tocando con ritmos bailábeis. Aínda así, tampouco dista tanto de calquera ritmo tradicional tocado cunha pandeireta: se te pos, podes tocalo aínda que pareza reggaetón.

Nós creamos e obedecemos a un sentir que vén do particular, mais que ten que ver co inconsciente colectivo e co que nos pasa a todas as persoas a nivel político, social, emocional... Está todo completamente unido e tamén é moi bonito ver o contaxio de tendencias e o intercambio de ideas.

Comentarios