Moaña homenaxea ao ex alcalde e poeta Xosé Manuel Millán

Hai dous anos, 29 de outubro de 2020, falecía o poeta e alcalde de Moaña, entre 2003 e 2011, Xosé Manuel Millán. Na xornada de hoxe, a vila da que foi rexedor homenaxeouno cunha completa axenda de actos.

 

Acto de homenaxe a Xosé Manuel Millán no salón de plenos do Concello de Moaña. (Foto: Deputación de Pontevedra).
photo_camera Acto de homenaxe a Xosé Manuel Millán no salón de plenos do Concello de Moaña. (Foto: Deputación de Pontevedra).

Moaña encheuse na xornada de hoxe para lembrar a Xosé Manuel Millán. O acto, que contou coa presenza de numerosos veciños e de amigos do homenaxeado procedentes de toda Galiza, arrancou a media maña coa presentación da poesía completa do escritor falecido.

A Obra poética completa de Xosé Manuel Millán presentada na xornada de hoxe está publicada pola Deputación de Pontevedra, correndo a súa edición a cargo de Manuel Rei, filólogo, escritor e amigo de longa data do autor homenaxeado.

O volume recolle entre outros textos, Este é o tempo de sal, premio Esquío de poesía de 1992, As palabras do espello, premio Eusebio Lourenzo Baleirón, Retrato de muller con navíos ao fondo, premio nacional O Facho, Ode menor ao gran mascato Bernardino Graña cando se eleva sobre as terras do Morrazo ou As cinzas de Paolini.

Manuel Rei

O editor da obra, Manuel Rei, destacou que “render homenaxe a Xosé Manuel Millán é recordar, engrandecer e difundir”. Neste sentido, sinalou que “a súa obra poética non se pode desvincular da súa faceta como persoa comprometida politicamente falando, desde organizacións como ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos) ou os CAF (Comités Abertos de Facultade), e sempre en plataformas que responden á vontade de autorganización do pobo galego, como o BNG, do que foi cofundador, a CIG-Ensino ou a Mesa pola Normalización Lingüística”

Rei significou que “con Millán non só perdemos un grande poeta senón un dos mellores críticos e historiadores da nosa literatura, polo que compre traballar para recuperar eses estudos”. Nesa dirección, destacan as súas investigacións de autores como Ramón Cabanillas, Bernardino Graña ou Johan Carballeira.

A presentación deste libro veu acompañado dun recitado dos poemas de Xosé Manuel Millán, a cargo dos escritores de Dani Costas, Marta Dacosta, Miriam Ferradáns, Lucía Durán e Lucía Costas, todos eles ligados a homenaxeado por razóns de amizade.

A presentación da obra literaria de Millán, o recitado da súa obra e a actuación musical de Xosé Manuel Budiño enmárcanse no homenaxe promovido polo Concello de Moaña ao seu antigo alcalde. O acto, arrancou coa plantación dunha árbore na praza da vila e a descuberta dunha placa coa lenda ‘Quero na lousa que me dea sosego esta palabra que ten as, Poeta, e esta palabra que ten luz, Galego’, epitafio do seu admirado Ramón Cabanillas, autor a quen dedicou un estudo crítico de referencia.

Millán como o carballo

O acto de lembranza ao poeta e alcalde falecido contou coas intervencións do presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, da deputada pontevedresa de Patrimonio Documental, María Ortega e da rexedora da localidade, Leticia Santos. Santos explicou que a escolla dun carballo para honralo é “moi simbólica”, xa que representa o seu labor no concello e a el como persoa: “é do país, modesta, resistente e acubíllanos coa súa sombra”.

Santos lembrou que a praza do Concello de Moaña, hoxe un xardín para uso público, inicialmente ía ser edificado conforme os aproveitamentos urbanísticos aprobados, “sen embargo, Millán logrou liberar o espazo negociando habilmente coa promotora para que construíra noutra localización e deixara esa contorna nese espazo tan singular para todas e todos nós e que nos identifica”.

A alcaldesa de Moaña indicou que “Millán na súa etapa como alcalde foi unha persoa que tivo sempre claro que a calidade de vida viña pola preservación dos espazos públicos e por gañar espazo para a veciñanza. Desde Moaña temos moito que agradecerlle a el e ao seu equipo pola súa visión en canto a todo o urbanismo”.

Santos significou que hoxe temos sorte de gozar de moitas instalacións e espazos públicos que non terían sido posibles sen a aposta que fixeron os seus gobernos” destacando que hoxe se está a licitar a construción do centro de saúde nos terreos que comezou a mercar Millán cando era rexedor.

Homenaxe do BNG

Os actos de homenaxe a Xosé Manuel Millán continuarán na tarde deste sábado. Neste caso, o BNG organiza un acto político de lembranza as 19:00 no centro social de Domaio, onda tomarán a palabras diversas persoas que partillaron con el militancia nas organizacións do nacionalismo.

O acto contará coas intervencións do antigo secretario xeral da Unión da Mocidade Galega (UMG), Fernando Abal; da voceira do BNG en Compostela, Goretti Sanmartín; do ex deputado  Daniel Rodas; do voceiro do BNG no Congreso Néstor Rego, e da alcaldesa de Moaña, Leticia Santos.

Rego, amigo e compañeiro de militancia de Millán desde os anos xuvenís definiuno en declaracións a Nós Diario “como unha persoa dificilmente repetíbel por combinar a súa capacidade creativa, o seu labor de crítico literario e a súa militancia política”. Neste liña, entende “a homenaxe como absolutamente xusta e necesaria pola súa absoluta honestidade persoal e política”

O voceiro do BNG no Congreso dos Deputados significou “a importancia que Millán lle daba ao traballo cultural e a súa grande formación teórica, que o levaba de preocuparse por estar á última”. A este respecto, Rego indicou que “Millán puxo todo o seu coñecemento ao servizo de Galiza e do nacionalismo”.

Comentarios