A MIT convoca o Premio Abrente para textos teatrais

A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia vén de convocar a 11ª edición do Premio Abrente para textos teatrais. 

Con este premio, a MIT consolida o seu impulso e o fomento da creación dramatúrxica en lingua galega, que non se restrinxe ao galardón, xa que o texto é editado na colección propia do festival e, coma na maioría dos casos, o festival tamén se implica na súa posterior posta en escena, ben sexa mediante coproducións (como será no caso do anterior Premio de 2015, 'Voaxa e Carmín') ben sexa mediante calquera outra fórmula de colaboración co teatro profesional, co teatro escolar ou co teatro afeccionado. 

Neste sentido, o festival tamén suma ao obxectivo da divulgación da dramaturxia galega contemporánea outras actividades que permiten visibilizar os libros e aos creadores e creadoras, como obradoiros, presentacións, lecturas, etc. Ese será o percorrido que teña o libro de Esther F. Carrodeguas, autora do texto galardoado o ano pasado, que antes de ser estreado en xullo nos escenarios de Ribadavia, percorrerá librarías, asociacións culturais e cafés para dar a coñecer a historia das dúas Marías, Maruxa e Coralia. 

Este galardón está dotado cun premio único de 3.000 euros, unha estatuíña do artista Manuel Rodríguez Alonso (Sampedro) e a edición da obra gañadora. O prazo de admisión de orixinais remata o día 20 de xuño de 2016.

Comentarios