luns 26/07/21

A mirada do teatro sobre a realidade

O Festival de Teatro de Almada volve á súa dimensión internacional con maior espazo para o debate que nunca. O encontro almadense, un dos de maior prestixio da Europa, transforma o palco nun lugar de discusión sobre algunhas das chaves da sociedade contemporánea, evitando os tópicos propios deste tempo.
Unha escena do 'Hipólito' de Eurípides, dirixido por Rogério de Carvalho, que abriu o Festival de Almada. (Foto: Rui Mateus) #almada #teatro #portugal
Unha escena do 'Hipólito' de Eurípides, dirixido por Rogério de Carvalho, que abriu o Festival de Almada. (Foto: Rui Mateus)

Son as catro da tarde. O termómetro marca 34 graos centígrados e o estridente canto das chicharras ateiga todos os recantos de Almada, como único sinal de vida baixo o sol que cae a cachón sobre as rúas desertas. Semella que estamos nunha cidade deshabitada, mais trátase dunha sensación enganosa: a vida está agora no interior dos teatros, onde resoan as palabras que nos conforman desde hai dous mil cincocentos anos: de Eurípides a Joyce, de Musset a Pasolini, de Tennessee Williams a Alberto Pimenta. 

O Festival de Teatro de Almada convoca as voces que configuraron o que somos e as que nos desafían a escribir o futuro: son voces que debullan problemas do noso tempo -o racismo, a homofobia, a globalización- e dos tempos todos -o amor, a morte, a forza revolucionaria da imaxinación. 

Se Almada é hoxe un dos festivais de máis prestixio de Europa é precisamente porque opera coa consciencia de que o teatro non remata ao caer a cortina, de que a obra é só o inicio dun proceso que modificará a nosa mirada sobre o mundo e, por tanto, que contribuirá a transformar a sociedade. 

Nuns tempos en que os festivais de verán se converten, cada vez con máis frecuencia, en simples ofertas turísticas que relegan a un segundo plano o carácter cívico do teatro, Almada continúa ofrecendo un modelo que oculta, tras o seu aparente eclecticismo, un propósito comunitario ben definido: o debate sobre as ideas que rexen a convivencia. 

Cincuenta anos de teatro profesional

Este ano, o festival coincide co cincuentenario da Companhia de Teatro de Almada, organizadora do encontro: cincuenta anos que supuxeron a renovación do teatro portugués, en boa medida froito dunha Revolución que lle deu a palabra ás clases populares e que, con maior ou menos éxito, procurou a democratización da cultura.

O itinerario da compañía, mais tamén do festival, continúa un proceso que -cos seus éxitos e os seus fracasos, coas súas frustracións e as súas esperanzas-  mantén vivo o espírito co que naceu o teatro na antiga Grecia: congregar a asemblea cidadá para deliberar sobre os asuntos que nos atinxen. 

Almada mesmo aproveitou a crise provocada pola pandemia da Covid-19 para reforzar esa vertente reflexiva do seu programa, concentrando os espectáculos na fin de semana para, o resto dos días, ampliar os espazos de debate: coloquios, presentacións, mesas redondas...

As chaves da sociedade

A programación deste ano amosa a pertinencia desa mirada do teatro sobre a realidade, propondo espectáculos que combinan o ortodoxo e o experimental, o clásico e o novo, para diseccionar as chaves da sociedade contemporánea.   

A desafección das clases populares cara ás retoricas partidistas das democracias occidentais, por exemplo, aparece na que se perfila como unha das favoritas do público, Who killed my father, de Édouard Louis con dirección de Ivo van Hove, que ademais indaga nas razóns da homofobia. 

Esa mesma desafección cara á política e a súa relación coa emerxencia da extrema dereita aparece na interesantísima Un gajo nunca máis é a mesma coisa, con texto e dirección de Rodrigo Francisco, nunha coprodución da Companhia de Teatro do Algarve e a Companhia de Teatro de Almada que trata sobre o incómodo herdo do pasado colonial portugués. O mesmo pasado que tamén analizan Corpo suspenso, de Rita Neves e Aurora negra, de Cleo Diára, Isabél Zuaa e Nádia Yracema.

A violencia como resultado do rexeitamento das identidades que se desvían da norma -sexan sexuais, raciais ou culturais- está no fondo de History of violence, de Edouard Louis, dirixida por Ivica Buljan. Pola súa parte, Fake, da compañía A formiga atómica, analiza os mecanismos de creación e difusión das fake news e os seus efectos na democracia. 

Máis sutil é a imaxinativa A lúa vén da Ásia, un monólogo de Walter Campos de Carvalho interpretado polo célebre actor brasileiro Chico Díaz, sobre a alienación do suxeito contemporáneo

Son só algúns exemplos da rica variedade dun festival que concilia o interese polos proxectos internacionais máis atractivos coa vigorosa defensa dun teatro nacional que contribuíu a fundar e alimentar. 

E todo isto cunha proposta que se afasta dos tópicos do "circuíto" de festivais que pretende converter a escena nun frívolo entretemento estival.

Toda unha lección de honestidade e de confianza no público.

James Joyce, Alfred de Musset, Joana Craveiro e Alberto Pimenta para rematar

O Festival de Almada continúa até o 25 de xullo e nesta semana que resta aínda se poderán ver espectáculos como o Discurso sobre o filho-da-puta, de Alberto Pimenta, con dirección de Fernando Mora; a Viagem a Portugal, da sempre interesante Joana Craveiro; Molly Bloom, a adaptación de Jan Lauwers e Viviane De Muynck do monólogo final do Ulysses de Joyce; ou a versión que Rogério de Carvalho presentará do Lorenzaccio de Alfred de Musset. 

comentarios