Investigadoras galegas denuncian que a Xunta deixa sen traballo ou axudas a 431 profesionais

A Rede Galega pola Investigación (Investigal) acusa ao Goberno galego de “falta de previsión e vontade” para evitar que 31 científicas e científicos queden no paro en decembro e outras 400 fiquen sen axudas para estudar no estranxeiro.

Cova Eirós (1)
photo_camera Traballos na Cova Eirós, en Triacastela. (Foto: USC)

As persoas dedicadas á investigación na Galiza acusan á Xunta de Feixoo de non ter “vontade” nin “previsión” para salvar o traballo e a formación de 431 profesionais da investigación do país. Segundo o colectivo Investigal (Rede Galega pola Investigación), o Goberno galego vai deixar ir ao paro a 31 compañeiras en decembro.

Ademais, segundo afirman, non haberá axudas de formación posdoutoral no estranxeiro, unhas partidas polas que acostuman loitas 400 persoas ou máis. No entanto, normalmente eran 50 as bolsas que se sacaban.

O colectivo destaca que as e os contratados que rematan a relación coa Xunta o 31 de decembro non teñen noticia de ningunha renovación.

Cando consultaron con distintas fontes próximas á Secretaría Xeral de Universidades tamén lles confirmaron que, polo de agora, a Xunta non tería previsto convocar neste ano as axudas para contratos posdoutorais, quer na modalidade A que permite seguir a formación no estranxeiro, quer na B.

“No caso da modalidade B dos contratos posdoutorais, de permitilo as circunstancias prevese realizar unha convocatoria de tramitación anticipada na anualidade do 2020 que se resolvería a principios do ano 2021”, din. Neste caso as bolsas non son tan atractivas como a saída a aprender doutros países.

Investigal acusa ao equipo de Feixoo de vir empeorando este programa de financiación autonómica con “atrasos e redución de recursos sistemática”.

Con esta dinámica, as e os investigadores “nunca saben cando serán convocadas as axudas e, polo tanto, non poden planificar axeitadamente as súas carreiras”.

“Solicitamos á Xunta que convoque o antes posíbel co fin de garantir a continuidade das carreiras dos investigadores que conseguiron o doutoramento recentemente”, reclaman, e inclúen nas súas peticións ao persoal contratado.

Medallas de Investigación

Á marxe desta polémica, esta segunda feira foi unha xornada boa no que a avances e recoñecementos científicos se refire.

Por unha banda, a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) recoñeceu a traxectoria de cinco científicos coas Medallas de Investigación 2020. En concreto, os galardóns (que se entregarán esta quinta feira) son para Carlos Salgado, José Manuel Sabucedo e Luis Miguel Botana, os tres da Universidade de Santiago de Compostela aínda que traballadores en distintas áreas; e para Jesús Simal e Xosé Ramón Nóvoa, os dous do persoal da Universidade de Vigo.

Avances na Cova Eirós

Na USC tamén naceu a plataforma Career Center, unha ferramenta de “emprego gratuíta que vai permitir aos estudantes e egresados ter acceso dun xeito rápido e áxil a contidos, recursos e informacións relacionados coa mellora da súa empregabilidade e o seu acceso ao mundo laboral”.

Por último, membros do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste, Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Santiago, en colaboración con outras persoas investigadoras do Institut de Paleocoloxía Humana i Evolució Social de Tarragona, traballaron na Cova Eirós, en Triacastela, onde aprenderon máis sobre o modo de vida dos neandertais.

Comentarios