Así loce a torre de Meira, en Moaña, cos traballos de reconstrución

O Concello de Moaña comezou a restauración e posta en valor da torre medieval de Meira, situada nun enclave denominado Monte da Torre, con vistas sobre a ría de Vigo.

Restauración da torre de Meira, en Moaña.
photo_camera Restauración da torre de Meira, en Moaña.

Hai apenas un mes comezaban os traballos de restauración da torre de Meira, en Moaña. Unha actuación que desenvolve o concello do Morrazo, que asinou un convenio coa Comunidade de Montes de Meira, e que consiste nunha nova escavación da zona norte para ampliar as áreas que foran estudadas no ano 1976. No punto onde se acometen as obras localizaríase a suposta porta de acceso á fortaleza.

A obra viu a luz verde na xunta do Goberno local de 21 de setembro de 2020 e o 11 de xaneiro o Concello contratou o proxecto das obras por un importe de 14.786 euros. A Deputación de Pontevedra, a través dunha subvención, asume 11.274 euros e a cantidade restante corre por conta das arcas municipais. 

A restauración da torre irá acompañada dunha sinalización que explicará a importancia do enclave e a súa historia. 

A orixe

A fortaleza, situada nun promontorio a 140 metros de altitude, constaba dunha torre de vixilancia, un patio de armas, unha muralla e un foxo. Pertenceu ás casas nobiliarias de Meira e Valadares. Foi derrubada polos Irmandiños entre 1467 e 1469.

No lugar atopouse material metálico, cerámico e restos óseos que permanecen depositados no Museo de Pontevedra.

A parroquia de Meira posúe varios conxuntos de petróglifos da Idade de Bronce.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios