Medalla da Galiza para Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez

Os músicos recibirán o próximo 24 de xullo a máxima distinción que institucional que se outorga na Galiza.
Carlos Núñez. (Foto: Javier Salas)
photo_camera Carlos Núñez. (Foto: Javier Salas)

Os artistas Juan Pardo, Luz Casal e Carlos Núñez recibirán o próximo 24 de xullo a Medalla de Ouro da Galiza, unha distinción de honra que concede a Xunta da Galiza a persoas ou institucións polos seus méritos ao servizo de Galiza en calquera aspecto da realidade social, cultural ou económica. 

A selección de galardoados coas Medallas de Galiza 2023 foi aprobada esta quinta feira no Consello da Xunta, cuxo presidente, Alfonso Rueda, destacou en rolda de prensa que este ano se pretende homenaxear á música, "un dos aspectos máis destacábeis" e dos que "máis se poden sentir orgullosos" os galegos e as galegas. 

As persoas premiadas 

Desta forma, recibirán a distinción os cantantes Juan Pardo e Luz Casal e o músico Carlos Núñez, dos que o Goberno galego destaca a súa "vinculación" coa Galiza e o lugar "destacado" que ocupan no panorama musical galego, estatal e, mesmo, internacional. 

O presidente da Xunta salientou a Juan Pardo (Palma de Mallorca, 1942) como "un dos emblemas" da música galega, que formou unha parte principal da década de 1960, ademais de lembrar a súa canción "Anduriña", unha canción "inmortal", e o seu disco en galego Galicia galega miña nai dos dous mares, xa na década de 1970, e que estivo activo até este século. Segundo Rueda, o cantante galego foi quen se mostrou máis reticente a asistir á entrega, aínda que, finalmente, tamén estará presente na gala. 

Luz Casal (Boimorto, 1958)é "unha das artistas máis destacadas", anotou Rueda, quen lembrou que é a promotora do Festival da Luz de Boimorto (A Coruña), a súa vila natal, e que foi nomeada comendadora das Artes de Francia e recibiu a Medalla Castelao no ano 2010. 

Un galardón que tamén recibiu Carlos Núñez (Vigo, 1971), "un dos grandes embaixadores da música celta e galega", segundo apuntou Rueda, que enxalzou a fama internacional deste gaiteiro e do seu disco A Irmandade das Estrelas do ano 1996. 

 

Comentarios