A historia da gaita en 35 gravados

Avelino Cachafeiro, Ricardo Portela, Susana Seivane, Carlos Núñez, Cristina Pato, Os Trinta de Trives, o gaiteiro de Guillarei e os de Soutelo. Eis algunhas das persoas representadas nos gravados reunidos en 'Gaiteiraos', unha mostra coa que César Lombera rende homenaxe ás e aos gaiteiros galegos de onte e de hoxe.
Debuxo de César Lombera que fai parte da mostra "Gaiteiraos", do Museo de Pontevedra. (Foto: César Lombera) #gaiteiraos #césarlombera #gaita
photo_camera Debuxo de César Lombera que fai parte da mostra "Gaiteiraos", do Museo de Pontevedra. (Foto: César Lombera)

"O gaiteiro foi un dos tipos máis populares da Galiza porque era a alma de todas as diversións públicas. Consentido pola mocidade, requirido polos encargados das festas públicas, afagado polas mozas e loado polas trovas dos nosos poetas, non era estraño que coa gaita ao ombreiro andase sempre con aquel de señorío [...]. Nos pasados tempos eran tan solicitados que até chegaban a ser contratados por documento notarial anticipadamente; e moitos dos antigos gremios e confrarías tiñan o seu gaiteiro fixo contratado para que "durante os días da súa vida" tañese a gaita nas festas, e acompañase as persoas que achegaban faquías nas procesións, "e asistise ás danzas e aos ensaios", recibindo a cambio uns ducados ao ano e a comida e bebida correspondente aos días das festas en que tomaba parte". Con estas palabras describía Eladio Rodríguez, a principios dos anos 60, os gaiteiros no seu Diccionario enciclopédico gallego-castellano. 

Adoptado como símbolo do país polo movemento galeguista do XIX, a figura do gaiteiro viviu unha época de recoñecemento. Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas... todos eles verterían alegres versos á figura do gaiteiro. Un recoñecemento que duraría até a chegada da ditadura franquista, cando caeu nun gris desprestixio. Logo, nos anos 70 comeza a recuperar a súa popularidade. Até a actualidade. "Pucho Boedo, ghaiteiro! / Saúde Bakunín, ghaiteiro! / Gracias Mamá, ghaiteira! / O Zeca Afonso, ghaiteiro! / Arsenio Ighlesias, ghaiteiro!", cantaban Os Diplomáticos. Agora, réndeselle homenaxe, novamente, cunha gran carga simbólica para a cultura galega. 

"Exemplo sobranceiro do patrimonio inmaterial"

Un total de 35 debuxos de recoñecidas gaiteiras e gaiteiros da Galiza compoñen a exposición "Gaiteiraos", coa que o seu autor, César Lombera, pretende reivindicar a figura do gaiteiro como "exemplo sobranceiro do noso patrimonio inmaterial". 

Avelino Cachafeiro, Ricardo Portela, Susana Seivane, Carlos Núñez, Cristina Pato, Os Trinta de Trives, o gaiteiro de Guillarei e os de Soutelo son algunhas das persoas representadas nos fermosos gravados reunidos nesta mostra, que vén de abrir ao público e que poderá visitarse no claustro do edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra até o domingo 28 de novembro. 

De Perfecto Feixoo á gaiteira Aurora Rodríguez

Desde un repoludo gaiteiro, Perfecto Feixoo e o loro Rabachol, Avelino Cachafeiro, Manuel Dopazo, Ricardo Portela, Os Areeiras de Catoira, Carlos Núñez, Susana Seivane, o irlandés Davy Prillane, o bretón Bagad Kemper, os 10 'pipers' escoceses até Aurora Rodríguez.

Eis algunhas das protagonistas que fan parte da exposición.

Así, Gaiteiraos acolle unha serie de creacións sobre sonadas gaiteiras e gaiteiros a través da historia e aspira, en palabras do autor, "a ser unha oportunidade de homenaxear e pór en valor estas persoas dedicadas á música no mundo cultural e reivindicalas" como parte fundamental do patrimonio cultural galego. E é que as peregrinas e os peregrinos a Santiago de Compostela levaban gaitas de volta aos seus países de orixe. E no século XIX e en gran parte do XX as bandas de gaiteiras e gaiteiros eran protagonistas de toda festa que se prezase, lembrou Lombera durante a presentación da mostra. 

"Tocaban na alborada e facían o pasacalle, acompañaban o santo na procesión, facían a sesión vermú e tocaban até altas horas músicas bailables e de moda". Moitas destas persoas "acadaron fama internacional en Europa e Hispanoamérica", até a chegada das orquestras modernas con grupos electrificados, que "fixeron que perdesen ese protagonismo". Mais non a pegada na cultura popular. 

A súa relevancia constátase mesmo na representación iconográfica das gaitas, presente desde a época romana, cando aparecen protagonistas de moedas, ou das miniaturas que ilustran as Cantigas de Santa María, de Afonso X, "cun aspecto luxoso", valorou Lombera, "do que se deduce o carácter culto do seu emprego". 

Á parte destes deseños, tamén é de destaque, pola súa presenza na propia exposición, e polo seu valor e a súa antigüidade, o capitel románico do século XI procedente de Melide, mais que actualmente conserva o Museo de Pontevedra.

Un percorrido pola historia da gaita da man dos debuxos de César Lombera

A mostra "Gaiteiraos" recolle unha serie de creacións artísticas inspiradas en sonadas gaiteiras e gaiteiros a través da historia e aspira, en palabras do autor, César Lombera, "a ser unha oportunidade de homenaxear e pór en valor estas persoas dedicadas á música no mundo cultural e reivindicalas como unha mostra sobranceira do noso patrimonio inmaterial".

Comentarios