Cinema

'Matria', de Álvaro Gago, chegará até a China, Croacia ou Francia

A cinta segue a proxectarse en festivais internacionais e a produtora acordou xa a súa distribución en países como Francia, Portugal, Italia ou Grecia.
María Vázquez nun fotograma do filme 'Matria' (Foto: captura de pantalla).
photo_camera María Vázquez nun fotograma do filme 'Matria'.

Matria, a ópera prima de Álvaro Gago, continúa coas súas proxeccións no circuíto de festivais internacionais, que comezou o pasado mes de febreiro coa 'premiere' na Berlinale, un dos máis prestixiosos festivais internacionais de cinema. E este pasado 9 de xuño chegou ao continente asiático participando no Shangai International Film Festival, dentro da sección 'Alternatives', e o próximo día 20 proxectarase no Mediterranean Film Festival de Split, en Croacia, onde compite en sección oficial.

Xa en maio competira no Seattle International Film Festival, onde a protagonista, María Vázquez, conseguiu o premio do xurado a Mellor Actriz. Alén da participación en festivais, avanzan desde a produtora, a cinta xa conseguiu acordos para a súa distribución en países como Francia, Portugal, Italia e Grecia, a través da axencia de vendas internacionais New Europe Film Sales.

Máis de 40.000 espectadores e novas proxeccións previstas

En canto ás proxeccións en cinemas, a produtora informa de que xa se superaron os 40.000 espectadores mentres se segue proxectando en auditorios, cineclubes e cinemas ao aire libre. Esta mesma quinta feira os Cinemas Pontiñas de Lalín acollerán unha proxección especial gratuíta organizada en colaboración coa Oficina de Igualdade do Concello.

A programación de Matria supón a reapertura dos cinemas tras o seu fechamento en 2014, e este pase contará ademais coa presentación e coloquio do director Álvaro Gago e das actrices María Vázquez e Francisca Iglesias, que inspirou o personaxe de Ramona, a protagonista do filme.

A proxección está prevista para as 20.30 horas e repetirase esta sexta feira, ás 21.30 horas, na mesma sala de Lalín. Para a mesma xornada está prevista unha proxección en especial no municipio de Carballedo (comarca de Chantada), lugar de nacemento de María Vázquez, que presentará a película. Será ás 20 horas no Salón de Actos do Concello, con entrada libre.

O filme de Álvaro Gago xa conseguiu converterse na maior estrea dun filme galego —e en galego— no conxunto do Estado, con sesenta salas de cine proxectando MatriaMaría Vázquez, nunha interpretación xa unanimemente aclamada, interpreta o papel protagonista, acompañada dun elenco constituído por Soraya Luaces, Susana Sampedro, Santi Prego, Eduardo R. Cunha 'Tatán' e a propia Francisca Iglesias, a muller da que parte a historia de Matria e que xa fora debullada na curta do mesmo título por Gago.

Comentarios