Malraio, supergrupo da escena compostelá

Veteranos de mil batallas de rock avanzado, músicos de probada prestancia e olfacto inquedo, Malraio é o tenso proxecto co que se presentarán, esta sexta feira na Gentalha do Pichel de Compostela, nomes coñecidos da escena da cidade. “Xuntámonos por necesidades de tipo psicolóxico”, explica divertido Roi Fernández, baixo e voz da banda, “era mellor un grupo que irmos a terapia”.
 

Malraio_2
photo_camera O grupo compostelán Malraio. Foto: cedida.

Fernández pasou antes por Stay Pretty, The Homens, Mato Grosso ou Grampoder. “Somos amigos de hai moito tempo e queriamos facer cancións, ver que pasaba”, di, “e aínda que compartimos certa querenza polo underground dos 80 e os 90, non tiñamos as cousas tan claras a nivel de son”. Fóronse aclarando nos dous anos que levan activos.

Malraio_Prótese_EP

Post hardcore ou pop pantanoso son as etiquetas que menciona o baixista. Mission of Burma, a etapa final de Hüsker Dü, ecos de Fugazi ou Wire, as referencias que agroman de primeiras. Con Fernández tocan Jaime Pombo, guitarrista que militou en Mato Grosso, The Lorchas ou os Fulsomes, Manu Raña, tamén guitarrista e antes nos Gintonics, e Jacobo Iglesias, batería que sentou nos Samesugas ou The Lorchas.

“Somos un grupo sen compositor ao uso”, indica, “imos traballando no local do ensaio. Pero investimos máis tempo en darlle algo de orde ao caos ca noutra cousa”. Desa materia primixenia derivan as cancións, escritas en galego e que, segundo eles propios, “poñen o dedo na chaga da sociedade actual: as falsas necesidades creadas, o illamento disfrazado de éxito social e as vías turbias de escape en momentos de crise persoal”.

Esta sexta feira 19 de xaneiro, a partir das dez da noite na Gentalha do Pichel, amosarán o resultado da súa primeira incursión en estudio -na Ponte, con Tomás Ageitos aos mandos. Prótese EP, en formato cedé artesán e fabricado “baixo demanda”, recolle cinco cortes en que “a tensión entre guitarras” respira con espazo e contundencia. "Temos certa tendencia á autosabotaxe", confesa Roi Fernández, "mais eu son partidario de que sempre haxa unha fiestra aberta pola que non se saiba que pode pasar".

O traballo de Malraio pódese escoitar en malraio.bandcamp.com.

Comentarios