Máis dun cento de fotógrafos piden a creación dun centro galego de fotografía

Evitaría o deterioro que, aseguran, están a sufrir en moitos casos.

Migue
photo_camera O fotoxornalista Miguel Vidal, un dos impulsores da carta. (Foto: Adarme Visual)

Máis dun cento de persoas vinculadas á fotografía, o comisariado e a historiografía asinaron unha carta dirixida a todas as forzas políticas que concorren ás eleccións do 18 de febreiro na que reclaman a creación dunha institución que conserve, dixitalice, trate, organice, difunda e promova. o estudo do patrimonio fotográfico de Galiza.

Un dos obxectivos, sinalan, é poñer este patrimonio á disposición da actividade investigadora, tanto da historia da fotografía como doutras múltiples disciplinas para as que poida ser de interese.

Así, explican que boa parte dos titulares do arquivo aceptarían depositalos, coas cláusulas de cesión oportunas, nun centro destas características, o que evitaría o deterioro que, aseguran, en moitos casos están a sufrir.

Políticas adecuadas

Ademais, consideran que o interese pola fotografía histórica ten que ir acompañado dunha política adecuada para promover a creación fotográfica contemporánea.

Por iso, explican que quixeran que se tivese en conta esta demanda de creación dunha institución fotográfica que cumpra cos obxectivos de “reverter a situación actual, poñer en valor o patrimonio fotográfico e apostar pola fotografía como medio de creación contemporánea”. 

Comentarios