María Cardarelly, a retratista de Rosalía

A pioneira da fotografía en Galiza

Recentes investigacións permitiron confirmar que Compostela contou coa primeira fotógrafa de estudio en Galicia. Chamábase María Cardarelly e compuxo os primeiros retratos coñecidos de Rosalía de Castro.

Fotografías de Rosalía tomadas por María Cecilia Cardarelly Bousquet
photo_camera Fotos: RAG (a da direita) e Fundación Rosalía (a da esquerda).

Antes de que María Cecilia Cardarelly Bousquet se dedicase profesionalmente á fotografía, moi poucas mulleres no noso país fixérano antes. Apenas puidemos contar unha decena desde que a pioneira, a daguerrotipista Madame Valpery, se estabelecese por moi pouco tempo no Madrid de 1842. Delas, só a metade naceran en España. María Cardarelly fíxoo en 1845, en Zaragoza.

O seu paso polo mundo da fotografía foi moi breve. Non chegaron a 3 os anos nos que estivo activa, desenvolvidos todos eles en Santiago de Compostela. Tampouco o tempo foi benigno coa súa obra, xa que hoxe en día só se coñecen tres retratos fotográficos da súa autoría. Porén, son dúas destas fotos dunha grande transcendencia histórica, posto que retrataron á maior figura literaria da Galicia do século XIX: Rosalía de Castro.

O seu tempo en Compostela

Corría o ano 1854. Compostela daquela trataba de buscar un novo pulo que a rescatase dun longo tempo de decadencia. Foi entón cando á cidade chegou unha parella de tintureiros franceses, Agustín e Mariana, acompañados dunha nena de apenas 9 anos, María Cardarelly. Estableceron a súa casa e negocio no actual número 26 da rúa do Hórreo, edificio que décadas despois foi derrubado e reconstruído. Por fin, en 1864, María comezou a operar profesionalmente como fotógrafa de estudio no domicilio familiar cando apenas contaba 19 anos! Era pouco máis que unha nena feita maior e xa estaba a competir nunha profesión esencialmente masculina.

En 1864, María comezou a operar profesionalmente como fotógrafa de estudio no domicilio familiar cando apenas contaba 19 anos!

Ademais da súa temperá vocación, é a soidade no seu acometemento o que a distingue do resto das mulleres que se dedicaron á fotografía no seu tempo, xa que a maior parte delas o foron como asociadas ou simples colaboradoras dos seus maridos ou pais. Por iso, preguntámonos, quen puido formala como fotógrafa? As últimas investigacións sinalan a uns familiares paternos que xusto na mesma época se estableceron tamén como fotógrafos en París. Puido ter sucedido algún contacto entre eles que a animara (quizáis coa influencia paterna) a tomar esta decisión. Sexa como fora, adiantouse moito á seguinte fotógrafa en Galicia, a mindoniense Antonia Santos, que como demostra Fernanda Padín estableceuse ao redor de 1872.

As fotos de Rosalía de Castro

Rosalía de Castro debeu visitar o estudio da Cardarelly cara a 1865, quen tomou daquela ao menos dúas fotos, positivadas coa técnica da albumina. A primeira é unha carte-de-visite (CdV), que pertence ao fondo da Real Academia Galega. Nesta imaxe, a poeta de Conxo leva posta unha capa escura de tafetán de seda e a súa mirada é frontal, aínda que transmite serenidade, unha certa melancolía e inocencia. O fondo está espido, como se afacía nas CdV de busto da época.

Rosalía de Castro debeu visitar o estudio da Cardarelly cara a 1865, quen tomou daquela ao menos dúas fotos, positivadas coa técnica da albumina

Doutra banda, a segunda foto descubriuse recentemente, sendo publicada nun salientable estudo do presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira. Neste caso a foto atopouse pegada a un folio incorporado a un volume de “Cantares gallegos”, cun texto manuscrito da propia Rosalía no seu reverso. Esta segunda foto é irmá da outra xa coñecida, obtida probablemente na mesma sesión. Volve aparecer, por tanto, coa mesma capa, co mesmo recollido no seu pelo, e co rostro dunha aínda nova Rosalía sobre un fondo espido. A única diferenza estriba en que nunha foto leva pendentes e na outra non. Con todo, esta toma non é frontal, senón de perfil e o seu xesto é máis lacónico, cunha mirada máis desconfiada.

En ámbalas dúas fotografías, María retrata a Rosalía con asombrosa dignidade. Case podería cualificarse de retrato psicolóxico. Hai que ter en conta que estas fotos son de torso, non de corpo enteiro, que eran as preferidas para facer gala da posición social, a través da vestimenta. Neste caso, de Rosalía interesa o xesto, non a posta en escena. Reflicten ou ben determinación ou ben ensoñamento, pero en ambos casos tamén delicadeza física e espiritual. 

Unha vida en Ferrol

Porén, o estudio fotográfico non debeu marchar ben, xa que chegado o ano de 1866 Agustín decidiu o traslado da tinturería familiar a Ferrol, non continuando María nesta cidade con aquela ocupación. Tampouco houbo maiores oportunidades que lle permitisen retomala. O seu pai morreu pouco despois, deixando á súa dona e filla nunha delicada situación económica. Así que, non sabemos se por casualidade ou pura necesidade, María casou, case de inmediato, co pintor madrileño Juan Velasco. Con el tivo á súa única filla: Matilde Dolores, a cuxo coidado se envorcou. Con todo, tanto a súa filla como o seu marido morreron antes de tempo, quedando María nun preocupante desamparo, que acabou paliándose ao casar co enxeñeiro militar Antonio Pérez. Pero, tempo despois este encontrou a morte nas Filipinas. Desde entón, María viviu xunto á súa nai da denominada Pensión de Indias, levando unha vida modesta, aínda que sen penurias. Finalmente, en 1910 decidiu trasladarse a Madrid, cando contaba 65 anos, abandonando Galicia definitivamente.

María retrata a Rosalía con asombrosa dignidade. Case podería cualificarse de retrato psicolóxico

A vida de María Cecilia Cardarelly Bousquet foi singular e transcendente para a historia da fotografía en Galicia, pero a súa dedicación semella que foi fugaz, “ao xeito dun lóstrego”, como diría Duchesne. Mais un lóstrego que ficou gravado xa por sempre na memoria colectiva a través da inefable Rosalía, precisamente ao contribuír dun xeito terreal á súa imaxe inmortal.

[* Carlos Castelao é fotohistoriador e ten en preparación “Fotografía de estudio na Compostela do século XIX. Pioneiros da fotografía galega"]

Comentarios