Mafalda e Zoo, que se despiden dos escenarios este ano, presentes no festival A Candeloria

O festival celebra este ano o seu décimo aniversario.
Maite Ferreiro, Noa Presas e representates de A Candeloria.
photo_camera Maite Ferreiro, Noa Presas e representates de A Candeloria.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo e a área de Cultura do Concello de Lugo colaboran coa organización do festival A Candeloria, unha cita musical que celebra o 1 e 2 de marzo, no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, o seu décimo aniversario. 

A deputada Iria Castro, acompañada da concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e de membros da organización, Manu Fernández, Antón Castro e Carla Ortega, presentaron no Pazo de San Marcos o cartel do festival, referente na música  punk rock. 

A Candeloria achega a Lugo bandas como Mafalda ou Zoo, que anunciaron a súa despedida dos escenarios en 2024. . O festival contará con dúas xornadas e comezará na sexta feira, día 1, coa Festa X Aniversario. Será o sábado cando se poidan escoitar a gran parte das bandas e se celebren os tradicionais Cantos de Taberna, tamén sinal de identidade do festival. 

A deputada de Cultura, Iria Castro, valorou "a traxectoria desta cita como activo cultural que temos que aproveitar. Unha mostra máis do dinamismo e da enerxía dos colectivos culturais e a mocidade lucense, que busca alternativas de lecer para os seus veciños e veciñas pero tamén impulsa a economía achegando visitantes. Valoramos tamén a aposta que fan polas bandas galegas e a música en galego, presente unha vez máis este ano. Seguimos necesitando ampliar os escenarios e os altofalantes para as nosas artistas e para a nosa lingua", anunciou. 

Pola súa parte, Maite Ferreiro sinalou o mérito da organización  "que apostou por unha data arriscada e pouco habitual para os festivais  e que conseguiu consolidar a súa proposta, traendo a Lugo algunhas das mellores bandas galegas e estatais pero tamén con presenza internacional". 

Desde a organización, sinalaron que A Candeloria busca "ter a representación das mellores bandas do circuíto de rock galego e estatal no seu cartel”. Ademais, avanzaron o éxito desta edición que xa conta co 85% de entradas vendidas para o sábado e o 70%, para a Festa do X Aniversario. 

Programa

O programa contará con Zoo, no seu único concerto na Galiza, Rebelión do Inframundo, Familia Caamagno, Ira Rap, Pigs Parlament, Kamikazes e Jordi Pánico. O sábado, será a quenda de Soziedad Alkoholika, Los Chikos del Maíz, Talco, Tribade, Mafalda, Arrhytmia e Me Fritos and the Gimme Cheetos. 

O sábado, en sesión vermú, celebraranse os Cantos de Taberna, que terán lugar no barrio da Ponte. Xa está aberta a inscrición para as persoas interesadas. 

Comentarios