CONTRACULTURA

Nervo: "Se a sociedade non nos deixa amar para ternos sen protestar, imos loitar para podelo facelo"

Cris Nervo afonda en Amor ou barbarie, novo disco de Rebeliom do Inframundo.
De esquerda a dereita, Frank, Cris Nervo e Malvares de Moscoso (de pé), Pol e Movementss. (Foto: Sergio Cora)
photo_camera De esquerda a dereita, Frank, Cris Nervo e Malvares de Moscoso (de pé), Pol e Movementss. (Foto: Sergio Cora)

Cris Nervo é un dos cinco integrantes da banda Rebeliom do Inframundo, que publica 17 novos temas nun novo disco, Amor ou barbarie, no que tamén contan con diversas colaboracións de artistas do país. Sobre isto, Nervo sinala que a banda vai “comezar a facer todas esas colaboracións que non fixemos antes”. 

Volven da xira en Barcelona e comezan na Galiza. Hoxe tocan en Vigo e as entradas xa están esgotadas. Agardaban esta acollida do novo disco por parte do público?

A verdade é que está sendo brutal. En Barcelona esgotáronse as entradas, aínda nos estamos recuperando, e todo apunta a que en Vigo e en Santiago vai ser moi grande tamén. Van ser concertos moi especiais de máis de dúas horas e nos que alén dos temas do novo disco e das colaboracións tamén tocaremos repertorio clásico noso que non pode faltar. É unha forma de agradecer a toda esta xente que está gastando os seus cartos e o seu tempo en apoiarnos porque imos dar absolutamente todo o que levamos dentro. 

Amor ou barbarie. É un título bastante descritivo para un disco.

Sentimos que vivimos nunha sociedade na que o amor non existe, ou iso é o que nos queren facer ver, para ternos adoutrinadas traballando en cadea, caladas e sen protestar. De aí vén o de barbarie: se non nos deixades amar, imos loitar para poder facelo. Non é o concepto de amar unha parella, senón o amor propio, cara ás amizades, a familia ou a vida mesma. É un disco que xurdiu de forma natural, como adoita pasar nos nosos traballos: imos canción a canción, fluíndo e creando co que nos sae de dentro, mais sen ter unha idea fechada do que queremos falar no disco. Unha vez que cremos que o ciclo está completo, fechamos a billa e mostramos todo. 

Por que decidiron publicar nove dos 17 temas antes 
de que saíra o disco?

Porque nos apetecía. Nós viñamos traballando á vella usanza: sacar un disco e despois do lanzamento publicar un ou dous vídeos. Desta vez decidimos pór toda a carne no asador e xuntar tamén o son co formato audiovisual. Penso que é moi interesante darlle imaxes ás letras porque se entenden moito máis, é unha forma de xuntar dúas artes. Por exemplo, no caso de Copérnico, é un tema como moi bruto e de barra, con frases moi duras, e pór toda esa esencia en imaxes fai que todo quede aínda máis redondo. É como a guinda do pastel. Apetecíanos porque nunca o fixeramos e nos gusta moito estar probando cousas novas constantemente. 

Tamén é un disco que conta con varias colaboracións, aínda que non é o habitual para a banda. Por que quixeron facelo así?

Parece que me repito, mais é que nós guiámonos moito polo que nos apetece facer. Viñamos doutros traballos nos que apenas colaborabamos con artistas porque non estabamos nese momento. Agora tiñamos moitas ganas de facer un tema con Wöyza, tamén levabamos anos querendo sacar algo con Hard GZ e Treintañeras cañeras é un grupo de colegas co que compartimos produtora, polo que tamén xurdiu a colaboración de forma moi natural.
Algo que temos agora en mente é comezar a facer todas esas colaboracións que non fixemos antes, ben fose por problemas de tempo ou por motivación. A cuestión é que para este tipo de cousas teñen que aliñarse bastantes factores, especialmente tendo en conta a forma que temos de traballar. 

Hai persoas que quizais fan as colaboracións a distancia ou gravando un tema e deixando os ocos para que as artistas convidadas fagan o que queiran. É algo que nós respectamos, mais que non queremos facer. Gústanos a idea de crear e de gravar xuntas no estudio, que sexa unha colaboración de verdade e non copiar e pegar porque tamén é algo que se nota moito nos resultados. 

Por exemplo, no caso de Woyza buscamos e decidimos xuntas a instrumental e en base a iso eu collín unha pequena idea do que quería facer e ela achegou a súa parte. Xuntámonos no estudio, rematamos de escribir a canción e gravamos. 

Con Hard GZ foi algo que xurdiu no momento: preparamos a instrumental e escribimos no estudio. Cada colaboración é un mundo, mais queremos que todas as partes estean implicadas activamente.

Comentarios