Lugo será capital da zanfona do 17 ao 19 de setembro

O evento é unha iniciativa da Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos (AGG) e a área de Cultura do Concello de Lugo para promover a música tradicional.
De esda a dereira, Tubío, Ferreiro e Fernández, na presentación. (Foto: Nós Diario) #zanfona #lugo #cultura #concellodelugo #tradescola #asociacióndegaiteitosgalegos
photo_camera De esda a dereira, Tubío, Ferreiro e Fernández, na presentación. (Foto: Nós Diario)

A Asociación de Gaiteiras e Gaiteiros Galegos (AGG) e a área de Cultura do Concello de Lugo están detrás dunha ambiciosa programación que dará forma esta fin de semana ao I Encontro de zanfona de Lugo. A cita, que decorrerá nas rúas do 17 ao 19 de setembro, incorpórase á axenda apenas unhas semanas despois dun encontro internacional de profesionais vinculados a este instrumento. 

O presidente da AGG, Xaneco Tubío, e a coordinadora da Tradescola, Mónica Fernández, presentaron esta terza feira a actividade xunto á conselleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, e avanzaron que o obxectivo do proxecto é “contribuír á promoción e dinamización deste instrumento e axudar a darlle unha maior visibilidade para a poboación xeral”.

Malia que a gaita é o fundamento da agrupación, tamén queren “facer protagonista” este outro instrumento, a súa música, as escolas que ensinan a tocalo, “os cantos de cego e as novas propostas existentes, dentro do panorama actual da música galega”. 

Desde o punto de vista do colectivo, é importante “conservar e transmitir ás vindeiras xeracións o patrimonio cultural inmaterial herdado dos nosos antepasados, nesta ocasión, relacionado coa zanfona”.

Pola súa banda, a concelleira lucense Maite Ferreiro concretou: "Con este encontro buscamos dar a coñecer a zanfona, dándolle o protagonismo ás distintas propostas existentes con este instrumento tanto na música tradicional como na contemporánea".

Propostas para o público

Ademais de achegar a zanfona ao común do público nas rúas, haberá tres concertos na carpa da praza da Soidade, cuxa entrada será de balde se ben haberá unha capacidade limitada. 

Na sexta feira haberá recitais en exteriores -O cego e o criado e Os cegos da veneira- entre as 18.30 a as 20.30 horas. Ao feche, a música trasladarase ao espazo principal, onde tocará Tundal. 

O sábado haberá un concerto didáctico de Luís Caruncho e Chus Folgueira para as crianzas na Soidade (12 horas) e unha sesión vermú con Miro Casabella (13 horas). Pola tarde as zanfonas estarán nas rúas da cidade e Pärbo ofrecerá o concerto da noite (20.30 horas).

A festa continuará o domingo no rueiro de 11.30 a 13 horas, mais tamén haberá aula aberta de zanfona da man de Germán Díaz e as e os alumnos da Tradescola (de 12 a 13 horas) e ás 13 horas o concerto de Obal porá o broche á cita na praza da Soidade.

Comentarios