Morreu Guillermo Álvarez 'O Crego'

Foi un dos primeiros artesáns en recuperar a zanfona.

img018
photo_camera Guillermo Álvarez, O Crego

O 18 de febreiro a Asociación de Gaiteiros Galegos anunciou o pasamento de Guillermos Álvarez, 'o Crego', un dos primeiros artesáns en recuperar a zanfona alá pola década dos '70. Esta quinta feira será soterrado no cemiterio municipal de Monforte. 

Comezou como aprendiz nunha fábrica de cadaleitos para rematar como carpinteiro na RENFE

Guillermo Álvarez Vázquez naceu en A Peciña, na Pobra do Brollón, hai 93 anos. A súa vida está ligada ao traballo da madeira. Inicialmente como aprendiz nunha fábrica de cadaleitos, con posterioridade na RENFE onde operou desde 1943 como carpinteiro desenvolvendo labores de reparación das ventás e asentos, como recolleu Pablo Quintana na obra Amadeo Goyanes e as zanfoneiras de Monforte publicado pola Central Folque na colección Chave Mestra. 

Como operario do ferrocarril Guillermo Álvarez foi destinado a Madrid onde pediu a asignación da quenda de noite para acudir, polo día, aos obradoiros de guitarreiros que alí había.

O Crego quería aprender deles, solicitou acudir como observador mais tamén como aprendiz. Así coñeceu o prestixioso luthier Modesto Borreguero con quen coñeceu "como debían ser os cortes, as técnicas do curvado, a construcción das caixas, as colacións". 

En 1946 volve a Galiza e funda un pequeno obradoiro onde comeza a facer instrumentos de cordas; bandurrias, laúdes, guitarras e mandolinas. Polo seu traballo recibiu en 1973 o título de Artesán Exemplar. 

Ao marchar a Madrid Guillermo Álvarez comeza a visitar obradoiros de guitarreiros dos que aprende o oficio

Nese tempo coñeceu a Amadeo Goyanes quen se achegou a Guillermo Álvarez para lle facer unha encomenda e proporlle un proxecto, facer unha zanfona a partir dos apuntamentos que o propio Goyanes tirara de Faustino Santalices, un dos máis importantes investigadores galegos sobre este instrumento. 

Coas mans do Crego fóronlle dando forma á zanfona que con posterioridade usaría Antón Seoane no primeiro disco de Emilio Cao, Fonte do Araño (Zafiro-Novola, 1977) e Milladoiro (Novola, 1977). 

Desde a Asociación de Gaiteiros Galegos queren homenaxear a Guillermo Álvarez e que o seu nome se lembre, din, por toda nha vida adicada a construcción de instrumentos musicais. Na actualidade o seu fillo, Xosé Álvarez, continúa co legado familiar.  

Comentarios