Inaugurada en Lugo a exposición 'Orixe', da premiada fotógrafa Glorianna Ximendaz

Aborda temas como o poder patriarcal, os privilexios inherentes á masculinidade normativa e de clase, ou a ocultación e transmisión de violencias no ámbito familiar e social.
Unha das imaxes que compoñen a mostra 'Orixe'. (Foto: Glorianna Ximendaz)
photo_camera Unha das imaxes que compoñen a mostra 'Orixe'. (Foto: Glorianna Ximendaz)

A Sala de Exposicións do Pazo de San Marcos de Lugo inaugurou onte Orixe, da artista costarricense Glorianna Ximendaz. A mostra recolle o proxecto gañador da 11ª edición do Premio Galicia de Fotografía Contemporánea e poderá visitarse durante todo o mes de febreiro. 

No acto participaron a artista, Glorianna Ximendaz, de xeito telemático, a deputada de cultura da Vicepresidencia da Deputación Iria Castro, así como os coordinadores do Premio, Xosé Lois Vázquez, director do Outono Fotográfico e Vítor Nieves, curador da exposición e outros representantes institucionais. 

O premio, organizado pola Asociación Outono Fotográfico coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, recoñeceu un traballo sobre as violencias contra as mulleres, que a autora aborda desde a experiencia propia. 

Castro convidou a visitar unha mostra "que nos sitúa fronte ao impacto que as desigualdades e o patriarcado teñen en todos os aspectos da vida das mulleres". Felicitou a Glorianna Ximendaz e agradeceulle poñer "o foco da imaxe nun dos grandes problemas da nosa sociedade". 

Desafiar as normas

Ximendaz utiliza a fotografia para desafiar as normas sociais, derrubar estruturas opresoras, fomentar a cura e o empoderamento, e celebrar a forza e a resiliencia das mulleres. A través das fotos das súas antepasadas, desde a tataravoa até ela propia, aborda temas como o poder patriarcal, os privilexios inherentes á masculinidade normativa e de clase, a ocultación e transmisión de violencias no ámbito familiar e social, as penalizacións impostas ás mulleres que desafían a orde patriarcal, a esixencia de patróns de beleza opresivos, a violencia obstétrica, e a sexualidade forzada. 

Comentarios