Contracultura

Lucía Estévez: "Nos festivais non é tan doado ter oportunidades e o de Cans fai moi bo labor neste sentido"

Lucía Estévez dirixiu o guionizou a curta 'O neno sardiña', que será proxectada mañá no Festival de Cans. A directora aborda para 'Nós Diario' o imaxinario creativo que inspirou esta historia así como algún dos seus próximos proxectos audiovisuais.
Lucía Estévez volve proxectar unha das súas obras no festival de cinema de Cans, no Porriño. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Lucía Estévez volve proxectar unha das súas obras no festival de cinema de Cans, no Porriño. (Foto: Nós Diario)

—Como xurdiu a curtametraxe O neno sardiña?
A idea orixinal naceu en 2019 e non rodamos a curta até 2021. Eu quería facer algo distinto ao que xa fixera até o de agora, sobre todo a nivel visual e plástico. Despois de mirar tanto cara a dentro, falar tanto da familia e do íntimo, buscaba unha visión moito máis divertida e chea de cor. 

Tamén quería explorar outro tipo de cuestións como o realismo máximo ou a tradición e sempre me interesou moito o Enterro da sardiña. Alén da súa capa de realidade tamén ten esta metáfora de queimar o estabelecido para que poida nacer o novo, algo que tamén me leva a min mesma como persoa a unha etapa de cambio. Por iso tamén decidín crear algo propio bebendo disto, un universo imaxinario inspirado no cadro O enterro da sardiña, de Goya.

Foi un apoio visual que serviu como punto de partida para todos os departamentos. Isto é outra novidade con respecto aos meus traballos anteriores, xa que tiven a oportunidade de traballar cun equipo máis grande e coa produtora Cósmica por primeira vez.

—Como foi ese proceso?
Aprendín moito traballando con elas sobre como se fan as cousas noutros niveis, porque tamén estou preparando o meu filme con Cósmica, e a nivel persoal en relación ao traballo. Ao final é unha historia moi coral, con moitas actrices, actores e figuración e onde todos os departamos aportaron a súa visión. Tivemos moita liberdade para traballar arte, vestiario e maquillaxe seguindo ese punto de partida que comentaba do cadro. Viña de facer O niño dos paxaros, que foi unha produción do ano pasado na que puxen eu todos os cartos, polo que non podo comparar porque son formas de facer moi diferentes.

Como digo, aprendín moito eu a nivel persoal e deime de conta de que me gusta moito o traballo colectivo. Creo que o resultado final é máis satisfactorio e sempre está ben ter outros puntos de vista e outras achegas aínda que todas partamos do mesmo punto de inspiración. 

O niño dos paxaros tamén se proxectou en Cans.
É un festival moi familiar e para min é un momento de atopar a xente que hai moito que non vexo e de descubrir cousas novas. A maneira de coidar as pezas e de abrirnos as portas á veciñanza é algo moi bonito. Sentes que estás compartindo á par da xente. A sección que máis me gusta do festival é 'Novas camadas', na que eu comecei tamén. Este ano estréase nela a miña curmá, que tamén é directora, coa súa curta, e creo que é unha porta aberta directa e a mellor maneira de coñecer a xente nova que chega ao sector.
Noutros festivais non é tan doado ter este tipo de oportunidades e creo que Cans fai un moi bo labor con esa sección. Ao final, coñecer a xente nova tamén implica ter novas inspiracións, renovar os teus puntos de vista e ver as cousas que está facendo a xente, que son moi distintas ao que poderías facer ti. 

—Pode adiantar algo dese filme no que está traballando?
Está nunha fase moi temperá de desenvolvemento. Comecei a escribir a historia hai catro anos e cando cheguei a Cósmica aínda tiña unha idea un pouco verde, polo que estivemos en varios laboratorios traballando nesta fase de escrita. O que máis me gusta é como se está levando o proxecto, porque imos pouco a pouco. Persoalmente non teño ningunha présa en sacar canto antes a película, penso que chegará no momento no que teña que chegar. No meu proceso creativo ten moito máis sentido que sexa así, porque ademais é algo que leva moito tempo.

Comezas a escribir, mais vas atopando obstáculos porque tamén hai que traballar para comer. A historia ten máis que ver con O niño dos paxaros, porque está situada no Vigo dos anos 80 e esa foi unha peza que me axudou a investigar a historia e o momento. É unha ficción, mais xa non terá este aspecto de Entroido que ten O neno sardiña.

Comentarios