Ledicia Costas e a Banda Municipal de Santiago únense no Salón do Libro Infantil de Pontevedra

A literatura infantil atopa voz e música

Neste espectáculo para o público familiar, no que tamén participa o Orfeón Terra A Nosa, musicaranse contos de Manuel Lourenzo e Fina Casalderrey, autora referente do xénero e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil
Ledicia Costas (Foto: Plumeria)
photo_camera Ledicia Costas (Foto: Plumeria)

O espectáculo Son de contos, producido pola Asociación de Amigos da Ópera de Santiago de Compostela xunto á Banda Municipal de Santiago, formará parte da axenda de actividades do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra que comeza esta semana. O auditorio do Pazo da Cultura acollerá a representación o vindeiro sábado 22 a partir das 19 horas. 

Trátase dun recital no que se combina a narración oral, a literatura infantil e a música. A partir de dous relatos, obra de escritoras e escritores galegos contemporáneos, outros tantos compositores do ámbito da musica culta elaboran cadansúa partitura nun exercicio de sensibilidades, confluencia e compenetración. A escritora Ledicia Costas encargarase de poñerlles voz aos relatos ao actuar de narradora, mentres que a Banda Municipal de Santiago, baixo a dirección de Casiano Mouriño, se encargará da música e o Orfeón Terra A Nosa interpretará os coros. O equipo artístico complétase coa presenza da soprano Clara Panas. 

 

Lourenzo e Casalderrey 

A primeira das pezas que se escoite o sábado en Pontevedra será A galiña, o lagarto e o burro. Trátase dun conto infantil de Manuel Lourenzo González de 2009 cuxa partitura compuxo o pontevedrés Fernando Ruibal. A segunda obra será Un cesto cheo de misterios, escrito pola académica de número da Real Academia Galega e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil Fina Casalderrey. A música desta peza corre a cargo do lituano Julius Andrejevas. 

Son de contos é un proxecto orixinal de Vicente Couceiro Bueno e forma parte da temporada 2022/2023 da Banda Municipal de Santiago de Compostela. Nesta representación que se enmarca no XXIV Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra poderase acceder gratuitamente até completar a capacidade do recinto.

 

Ledicia Costas

Ledicia Costas é unha das autoras máis recoñecidas e traducidas da literatura infantoxuvenil. Nos últimos anos, recibiu importantes recoñecementos como o Premio Merlín de literatura infantil pola súa obra Escarlatina, a cociñeira defunta. Por ese mesmo libro, foi recoñecida co Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 2015 e entrou a formar parte da Lista de Honra do Ibby. 

Comentarios