MANUEL LOURENZO, ESCRITOR

"Non teño claro aínda que é poesía e que non o é"

Manuel Lourenzo González (Vilaboa, 1955) gañou a pasada semana o Jules Verne de literatura infantil con 'Ceiba de luz', converténdose no segundo escritor -despois de Marilar Aleixandre- que ten no seu andel os tres premios de Xerais. 

Manuel _Lourenzo
photo_camera Manuel Lourenzo [Foto: Xerais]

- Vés de gañar o Jules Verne, o premio de Xerais de literatura xuvenil, que se xunta ao Merlín, que gañaches en 2003 e ao Xerais de novela de 2008. Xuntáchelos, fixécheslle unha foto [abaixo] e publicáchelo no Facebook. Que significou para ti?


- Loxicamente, non é que fose unha meta pero si é un recoñecemento, un orgullo, en fin, todo o que pode significar un premio. Neste caso, multiplicado por tres, que son os tres que concede a editorial de referenza en Galiza. Para min ten moito significado, de cara ao mercado quizais non, e de cara á literatura galega dubido que tampouco, pero de cara a min si que ten. 

3xerais

- Ademais tes colleitado unha chea de premios máis: o García Barros, o Blanco Amor, o Narrativas Quentes... E publicado narrativa para adultos, infantil e xuvenil, teatro... De todo agás poesía, por que? 


- Non é certo de todo. Teño publicado nalgún libro, nalgunha novela incluía algún trazo poético que ás veces disimulo facendo figurar que é dun personaxe, cando en realidade é meu. Pero ben, non escribo poesía, iso si é certo, por un motivo moi básico. Non teño claro aínda que é poesía e que non é poesía. É unha cuestión de limitacións. Na narrativa creo que si me defendo. Sei contar unha historia, opino. Teatro máis ou menos tamén. Tiven, cando profesor, bastante relación co mundo do teatro escolar, pero no ámbito da poesía non, porque lle teño moito respecto e nel non me sinto cómodo. E como lector teño gustos moi eclécticos, moi variados, e ese é o motivo, o recoñecemento de limitacións persoais, poderíase dicir. 

- Cando pensas nun novo libro en que pensas antes? Na historia, no xénero, no público ao que vai dirixido... Como chega unha nova historia a ti?


- O público aparece despois. Tamén hai que dicir que cada un é unha experiencia diferente, non todos funcionan igual, pero o dominante no meu caso diría que o primeiro que me vén á cabeza é a historia, a idea que quero desenvolver, o argumento ou polo menos trazos do argumento. Logo iso vaise desenvolvendo e logo van nacendo outra serie de características, por exemplo o tipo de linguaxe, o espazo-tempo, e tamén nalgún caso o público ao que pode ir destinado. Quero dicir tamén que non teño moi claro estar de acordo con esa división en idades: lectura xuvenil, infantil... Si entendo que iso funciona e hai libros claramente clasificables. No meu caso non teño clara a delimitación, motivo polo cal libros meus que están nas coleccións xuvenís ás veces fánselle difíciles aos rapaces e serían máis accesibles para os adultos. Non teño un código, non sei se o ten alguén, conforme a literatura xuvenil ten que ser así, se non pode pasar estes lindes, o vocabulario, as expresións, a temática... Non teño nada claro todo isto. Eu teño as historias e desenvólvoas e unha vez que se van desenvolvendo van collendo a súa fasquía, o seu panorama e posiblemente tamén o seu público. 

Os medios que hai hoxe en día, a través de internet sobre todo, levan a que haxa un exceso de opinoloxía, e eu fuxo na medida do posible de todo ese circo

- No caso de 'Ceiba de luz' como foi? 


- Neste caso sería un exemplo do que acabo de explicar. Foi primeiro a historia, ou parte da historia, porque nunca vén completa á cabeza. Logo a localización, a época, os personaxes foron nacendo ao mesmo tempo e unha vez que ía avanzada decátome de que si, ten características que a fan accesible  e mesmo recomendable a público xuvenil. Naturalmente creo que o público adulto tamén atoparía elementos interesantes nesa historia e que incluso se se quere se podería desenvolver moito máis para facela máis, entre aspas, para adultos. 

- E cal é a historia?


- Parte dunha introdución clásica do mundo do relato de aventura. Alguén atopa unha estatuíña primitiva que, polas súas características, chégase á conclusion de que pode pertencer a unha cultura precolombina. Aparece o tema de Eldorado, que é un mito clásico moi abondoso na literatura, unha civilización perdida que no seu día foi unha civilización moi avanzada e que se perdeu por completo. Entón aí temos unha pista de como podemos localizar os restos que poidan quedar desta civilización. Entón ármase unha expedición de carácter arqueolóxico que se vai internar pola selva do Amazonas de Perú... É un pouco a historia do plano do tesouro, alguén encontra o plano e vai na procura do tesouro. Pero logo conforme a historia avanza, vaise convertendo nunha historia de intriga porque algúns dos personaxes que forman a expedición teñen motivos particulares e intereses propios que fan que todo se vaia complicando e o que era unha simple viaxe de descuberta de carácter científico. Así que logo vaise convertendo nunha novela de intriga case policial na que hai violencia e nalgún momento tamén colle unha derivación cara a terreos moito máis misteriosos, que eu nalgún caso adxectivei como 'lovecraftianos', non sei se é o correcto, quero dicir que van máis alá do que consideramos realidade. E até aí se pode contar. 

"Son os tres premios que concede a editorial de referenza en Galiza. Para min ten moito significado, de cara ao mercado quizais non, e de cara á literatura galega dubido que tampouco"

- Volvendo ao que comentabas antes sobre as clasificacións segundo os públicos, nos últimos tempos publicáronse algunhas críticas a respecto de que a literatura infantil e xuvenil galega é demasiado benintencionada, e que pesa demasiado o de transmitir valores e menos a literatura en si mesma. 


- O último que fago eu é comentar opinións dos demais sobre asuntos que non saen de min. Se alguén publica a súa opinión sobre este tema non é que me traia sen coidado, pero non entro nesa conversa. Eu teño as miñas propias opinións, ao mellor non tan trascendentes. Isto vai no camiño de que os medios que hai hoxe en día, a través de internet sobre todo, levan a que haxa un exceso de opinoloxía ou como se lle queira chamar, cada un larga para adiante, con razón ou sen ela, e eu fuxo na medida do posible de todo ese circo. Eu estoume perdendo cousas, se cadra interesantes, pero ao mesmo tempo mantéñome a salvo de entrar en disquisicións que non me interesan nin me quero deixar motivar por elas para que non me ocupen tempo. 

- A xente que te coñece di de ti que es case un home do renacemento, que fas de todo e todo o fas ben: desde a escrita á carpintaría, o debuxo, tes feito banda deseñada, eras gaiteiro...


- Tampouco fago todo ben, o que si é certo que me gustan cousas demasiado variadas. A literatura, obviamente, pero tamén moitas máis cousas, e na medida en que podo vou facendo un pouco de todo sen grandes aspiracións, tamén é certo, pero aquí estamos. Non me considero nada especial nese sentido. En tempos non escribía, debuxaba, e teño gardadas cousas daquela época. Logo a música interesoume pero sempre desde o campo afeccionado, como actividade privada para amigos e nada máis. E outras cousas foi pola necesidade de facer cousas coa madeira e así, pero sen grandes pretensións. Repito, non me sinto especial. Estou seguro de que moita xente o fai dun xeito ou doutro, porque todo o mundo ten habilidades e capacidade creativa. O normal. 
 

Comentarios