O Salón do Libro de Pontevedra renderá homenaxe a Manuel Lourenzo

Colombia é o país convidado a unha das principais citas literarias xuvenís.
Manuel Lourenzo e Carme Fouces. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Manuel Lourenzo e Carme Fouces. (Foto: Nós Diario)

O XXIV Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra homenaxeará o escritor gañador do Premio Xerais Manuel Lourenzo, director do encontro literario durante varias edicións, e a ilustradora nada en Zamora Maife Quesada, pioneira na Galiza co seu traballo artístico, que comezou na década dos oitenta.

A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, foi a encargada de anunciar esta quinta feira as novidades da cita literaria, que decorrerá entre o 21 de abril e o 7 de maio na cidade do Lérez.

Na súa comparecencia ante os medios de comunicación, Fouces citou o pedagogo italiano Francesco Tonucci para lembrar que "xogar é unha cousa moi seria". "O xogo e a lectura son as ferramentas coas que se desenvolven cognitiva e emocionalmente as crianzas, e se conforman as persoas adultas", engadiu a edil de Cultura.

Para Fouces, na edición de 2023 "vén un Salón cheo de vida, xogos e alegría; cheo de gratitude ás persoas que traballan, pican pedra e levantan a literatura do país".

Colombia, país convidado

Por outra parte, Carme Fouces anunciou que Colombia será o país convidado na edición do vindeiro ano do Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra.

"É un grande exemplo de como a cultura pode ser empregada como ferramenta de transformación da contorna", subliñou a concelleira para destacar o traballo en zonas moi desfavorecidas "nas que, mediante o libro, a lectura e a cultura en xeral leváronse a cabo importantes cambios na sociedade".

Neste sentido, diferentes persoeiros do país suramericano acudirán ao encontro literario "para que conten esa experiencia" e falen da súa cultura, concluíu Fouces.

Comentarios