Un libro analiza a historia de Zënzar e do punk galego

Laura Romero presentou esta quinta feira, na Casa das Crechas de Santiago 'A culpa foi de Zënzar'.
Bocixa, Neira, Romero, Vila e Grela, esta quinta feira, en Compostela. (Foto: Nós Diario)
Bocixa, Neira, Romero, Vila e Grela, esta quinta feira, en Compostela. (Foto: Nós Diario)

Esta quinta feira tivo lugar na Casa das Crechas de Compostela a presentación de A culpa foi de Zënzar. A formación cercedense festexou 36 anos de traxectoria continua nos escenarios, con este libro ilustrado da man da súa baixista, a ilustradora ordense Laura Romero. Ao longo das súas 346 páxinas e cun estilo propio e fanzinero, a publicación fai un percorrido polo nacemento do rock en Meirama a finais da década de 1970 ata a actualidade, sendo Zënzar e a súa evolución o eixo vertebrador de toda este itinerario pola historia recente da música galega.

A culpa foi de Zënzar mestura narración con moita conversa (na que participou medio centenar de persoas), ilustracións e documentos gráficos como fotografías, entradas e carteis, transformándose así nun libro clave para entender o papel que xogou Cerceda (e outros concellos lindeiros coma Ordes ou Carral) na historia do rock e do punk galegos.

A xornada estivo conducida por Vituco Neira (divulgador musical e vocalista da banda Ruxe Ruxe) e contou coa presencia da autora do libro, de Mario César Vila (integrante de bandas compostelás coma Túzaros, Invivo, Flue e, actualmente, Urko) e de Xosé Bocixa (vocalista de Zënzar).

Laura Romero é ilustradora e baixista de Zënzar desde o ano 2016, data en que faleceu Tabeaio, baixista fundador. O seu anterior traballo propio foi Ferreñas & Rock’n’roll, con Iria Pedreira como coautora, onde se dá protagonismo ás mulleres músicas que abriron camiño no panorama galego. 

Outros traballos de Laura Romero, dirixidos ao público miúdo, son as ilustracións para os libros do músico Pakolas, Hermilindo esbirra poemas de Paula Señarís (Galaxia, 2023) ou o recentemente galardoado co Premio Merlín de Literatura Infantil Milú e o edificio das persoas extraordinarias, de Abel Tomé (Edicións Xerais, 2024).

Comentarios