Contracultura

"Zënzar é unha maneira de rebelarse contra o diario e contra aquilo que está estabelecido"

Xosé Bocixa, vocalista, e Laura Romero, baixista, son membro fundador e a última incorporación, respectivamente, de Zënzar, banda de punk rock que chega aos seus 35 anos. A celebración deste aniversario será cun concerto especial  na compostelá Sala Capitol o 23 de decembro
Mario Grela, Paco Cerdeira, Xosé Bocixa, Laura Romero e Manuel García son os integrantes actuais de Zënzar. (Foto: Pixelín Photo)
photo_camera Mario Grela, Paco Cerdeira, Xosé Bocixa, Laura Romero e Manuel García son os integrantes actuais de Zënzar. (Foto: Pixelín Photo)

—Tendo en conta as súas respectivas incorporacións á banda, como están vivindo este aniversario?
Laura Romero: Creo que son a que máis en serio tomou o tema do aniversario. Obviamente a eles failles ilusión, mais si que creo que eu tiña como máis expectativas. Quería facer algo especial e ao final vai haber este concerto, un libro ilustrado que sairá en marzo do ano que vén e toda unha xira. Non sei como explicalo ben porque é unha sensación rara: levo algo máis de sete anos na banda, mais tamén está este matiz de estar vendo as cousas desde fóra neste momento.

Xosé Bocixa: Eu creo que Laura o vive moi intensamente porque o certo é que ela foi o motor de Zënzar nos últimos anos. A súa presenza é vital para nós. E creo que con todo este proceso é moito máis consciente da historia de Zënzar que nós mesmos, porque o está vivindo todo a través de moitas persoas que llo están relatando. Pola miña parte, estouno vivindo con moitísima calma. Zënzar para min é unha maneira de rebelarse contra o diario, o estabelecido. Naceu nun momento no que a música tradicional nos estoupaba a cabeza. Afortunadamente aprendemos a valorala grazas a persoas como Xabier Díaz. Buscabamos cousas novas, entón vivimos máis o feito de buscar un lugar de reunión social, de expresión, coa nosa lingua e os nosos problemas, e tamén a festa. Co paso dos anos fomos acougando e desfrutamos moito máis a música e os directos, afastándonos deses tópicos de rock and roll e drogas. Agora vémolo con moita calma porque tampouco pensabamos chegar até aquí. É unha viaxe que non sabemos como comezou nin como acabará.

—Poden adiantar algo do concerto de aniversario?
X.B.: Haberá algunha sorpresa, mais a idea era ter un concerto rodeados de amizades. É xente que pode parecer que está fóra do que é mediático agora mesmo, mais para nós teñen moitísima importancia. Amizades que fixemos dentro da música e no persoal e xente que sempre tivo un vínculo coa banda.

L.R.: Non vai ser o único concerto que vaiamos facer, mais este é o primeiro. Era importante facelo o 23 de decembro porque ese mesmo día, en 1988, foi o debut de Zënzar. Non pon nada da xira no cartel deste día, porque é especial. Como di Bocixa, estaremos xunto a varias amizades da banda, empezando xa por Silveira, outro dos membros fundadores. El foi quen comezou toda esta historia e sen el non habería Zënzar.

X.B.: Precisamente creo que hai que salientar a xenerosidade de Silveira. En 2004 decidiu deixar a banda polo que el dicía que eran cuestións familiares e persoais. Un ano despois, cando sacamos o disco A tribo, chamoume persoalmente para felicitarnos confesando que deixara o grupo porque estaba nunha onda moito máis heavy e o resto da banda xa non tiñamos ese carreiro. Preferiu deixarnos coas nosas músicas e creo que iso é un xesto bastante xeneroso.

L.R.: Para o concerto tamén estamos desempoando temas que eu por exemplo nunca cheguei a tocar.  

—Falan do libro ilustrado que contará a historia da banda. Como está sendo o proceso de compilar toda a súa historia?
L.R.: Pois aínda estou niso. Diría que a palabra para definilo é caótico. Ao final o que estou facendo é ordenar, pór as ilustracións e compilar as fotografías, entón require falar coas persoas que formaron parte desa historia, que non foron catro. E cada vez que quedo con alguén e me vai contando xorden novos nomes. É importante salientar tamén que o libro non é a biografía de Zënzar, fala de todo o que foi xurdindo arredor da banda. Había todo un ambiente contracultural nunha zona onde nun principio non o esperas, porque non é Madrid nin Barcelona, é Meirama (Cerceda).

X.B.: Sen sermos os mellores músicos que hai no mundo, nin moito menos, a xente tiña sede e fame de algo distinto.

Comentarios