Celebran cun disco os seus 32 anos

Zënzar: “O gran virus é o capitalismo e a destrución dos ecosistemas”

Máis de 30 anos de traxectoria tentando “desfrutar, facer desfrutar e transmitir unha idea de respecto pola terra, pola lingua e pola cultura”. Zënzar teñen moito que celebrar e fano co disco ‘Benvidas ó futuro’. Falamos con Bocixa.

ZEnzär foto de Luna Lliro
photo_camera Zënzar. Foto de Jackie López

‘Benvidas ó futuro’ ten dous formatos distintos. Un é un pendrive co disco máis cancións vosas de sempre. Por que o editastes así?

Somos da xeración do cassette e chegamos á xeración dixital. Nalgún momento dubidamos entre sacar cassette ou disco, despois dubidamos entre o disco e o CD e desta volta dubidamos entre o CD e o USB. Ao final sacamos as dúas cousas e no USB aproveitamos para meter 32 cancións extra, unha por cada ano da existencia de Zënzar . Non son as nosas cancións máis coñecidas, sobre todo para a xente que nos coñece polos últimos discos. Non son as máis representativas, senón as nosas preferidas por distintos motivos.

O son é máis rock que outros discos nos que metestes algo de tradicional, por exemplo.

Voltamos á formación de quinteto e abandonamos por un tempo a gaita, o saxo, etc. E temos a Laura Romero ao baixo, que é a novidade. Neste disco hai rock e algo de punk e de metal pero, si, é basicamente rock. Queriamos un disco máis natural, cun son máis cru. Nós sempre traballamos con Javier Abreu que é un profesional moi bo pero neste caso queriamos que o disco se parecese máis ao que somos en directo. Por iso traballamos con Roi Gil, que é o noso técnico de son desde hai anos. El fixo a produción e as mesturas. A min gústame moito o resultado.

Hai bastante neste disco de mirar atrás ao que fixestes e ao que pasou no mundo durante todo este tempo. De ‘A culpa foi de Leño’, que vén de A Tribu, a ‘Historia do rock’n’roll’ ou ‘Todo se extingue’.

O noso primeiro traballo en CD chamábase ‘Disparados ó futuro’, referido nón a nós como artistas senón como tribo mundial que se vai autodestruír. 32 anos despois o futuro xa está aquí e as cousas son como entón pensabamos que ían ser. ‘A culpa foi de Leño’ é un temazo que queriamos que cantase xente amiga que non cantara antes con nós. Quedou moi ben.

No tema ‘Fomos o futuro’ tamén hai autocrítica: ao final esquecemos facer a revolución.

Si, claro, nese tema e en ‘Abusei’ porque, ao final, todas as persoas abusamos. Mudar as cousas individualmente non é posible. Podemos falar e falar e actuar e actuar pero o inimigo é moito máis forte: o capital, a globalización…

“Podemos falar e falar e actuar e actuar pero o inimigo é moito máis forte: o capital, a globalización…”

En ‘Somos criminais’, ‘Todo se extingue’ ou ‘Mercader de morte’ está a denuncia social que vos acompaña desde sempre e é tan clara por exemplo en ‘Vaise armar’.

Si, é algo que sempre está aí porque aí están o capitalismo, a desigualdade, a perda de dereitos, produto tamén desta dixitalización da sociedade na que estamos, enganchados ás pantallas. Fixemos este disco nos tempos da covid e cando estabamos para presentalo non puidemos porque había unha pandemia que ameazaba a humanidade. Nós dicimos que o gran virus é o capitalismo e a destrución dos ecosistemas ano tras ano. E o poder, o capital, que se beneficia desa destrución.

Mais todo iso está contado desde Cerceda. Non sería igual se o contexto fose outro.

Probablemente. Cando comezamos só queriamos non aburrirnos e facer algo diferente. Pero estabamos xa falando de cousas que estaban pasando, da destrución que estabamos vendo. Nós non falamos do mesmo que falan os Herdeiros ou Dakidarría, por exemplo. Acabas transmitindo o que ves, o que vives.

Mais Cerceda culturalmente non está tan mal. Este ano saíron varios discos…

Cerceda tivo a súa época de gloria, cun festival de rock que organizabamos e do que saíu xente que agora é coñecida. Despois houbo un brutal ataque por parte do poder, mais aínda así só neste ano saíron seis discos en Cerceda. A min paréceme destacable pero aos responsables culturais ou políticos non lles parece importante.

É un disco de “tribo”, coma o disco homenaxe que vos fixeron. Con colaboracións, cun tema para o voso compañeiro Tabe, cun tema cedido por Xavi Pardeiro…

O de Tabe saíunos unha semana despois de despedirnos del. El avisounos moito de non deixar a música e esa mesma noite, despois de despedilo, xa fomos ao local de ensaio. ‘Maruxa’, d’O Reverendo, é un temazo que compuxo inspirándose nun libro, ‘As mans da terra’, dunha amiga, Laura Rey, que recita con Emma Pedreira e Ramiro Vidal en ‘Standing Rock’. Tamén temos a Zeltia, unha voz nova, en ‘Todo se extingue’, e a Juankar de Boikot, un vello amigo, en ‘Abusei’. A tribo sempre foi a nosa filosofía.

Houbo un tempo en que rexeitastes facer xira con grupos españois coñecidos. Visto desde agora, seguiriades adiante?

Podiamos ternos convertido noutra cousa, pero non seriamos o que somos hoxe e nós estamos contentos co que somos. Xuntámonos no local de ensaio con amigos e amigas, tocamos en festivais pequenos ou en grandes se nos chaman… Só queremos desfrutar, facer desfrutar e tentar transmitir unha idea de respecto pola terra, pola cultura e pola lingua. Somos patrimonio da xente que nos escoita.

Comentarios